A Xunta destaca que a calidade dos pensos compostos producidos en Galicia é unha garantía para o sector agrogandeiro e para os consumidores
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou o XII Foro Galis, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos
En Galicia prodúcense máis de tres millóns de toneladas anuais de pensos compostos para a alimentación do gando, dos que arredor da metade son para o sector bovino
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, puxo hoxe en valor a profesionalidade e o compromiso coa calidade dos fabricantes de alimentos compostos de Galicia, unha actitude que representa unha garantía tanto para os axentes do sector agrogandeiro como para os consumidores en xeral.
O director xeral clausurou a 12ª edición do Foro Galis, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), que tivo lugar en Santiago de Compostela e ao que tamén asistiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.
Galis é un sistema de seguridade alimentaria que engloba o 96% dos pensos fabricados na nosa comunidade e está considerado como o método de control sectorial máis avanzado de España, grazas ás mostraxes representativas de materias primas realizadas en descargas de barcos, almacéns portuarios e en mostras procedentes do interior da Península Ibérica a través dos plans específicos de cada fabricante asociado a Agafac. Forman parte deste sistema un total de 58 fábricas de alimentación animal, das que 54 están en Galicia. Das catro restantes, tres factorías sitúanse en Asturias e unha en Cantabria.
Na súa intervención neste acto, José Balseiros indicou que a aposta deste colectivo pola calidade da alimentación animal dá resposta a unha das grandes transformacións que a sociedade demanda da industria e do sector agroalimentario, que non é outra que producir alimentos -neste caso, especialmente, leite e carne- de máxima calidade, coas maiores garantías hixiénico-sanitarias.
En Galicia prodúcense máis de tres millóns de toneladas anuais de pensos compostos para a alimentación do gando, que se suman aos pensos industriais e aos de autoconsumo. Arredor da metade desta produción diríxese ao sector bovino, no que a nosa comunidade é líder nacional, e o resto para porcino e aves.