O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta semana Cristalería Ramos y Ramos, beneficiaria destas axudas

A Xunta leva apoiado nove proxectos de empresas galegas que suman case 90 M€ a través do programa de incentivos rexionais

Conde salienta o esforzo de Cristalerías Ramos y Ramos por dotarse de novo equipamento tecnolóxico para incrementar a súa competitividade e a súa capacidade de produción

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 10 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia, a través do programa de incentivos rexionais, leva apoiado nove proxectos de empresas galegas que suman preto de 60M€, entre elas, Delta Vigo, Attica 21, Industrias Guerra ou Cristalerías Ramos y Ramos, que esta semana visitou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado do alcalde en funcións do Pereiro de Aguiar, Luis Menor.

Concretamente, Cristalerías Ramos y Ramos beneficiouse dunha axuda de 150.078 euros para un investimento de 1,3M€, co que adquiriu dúas liñas de maquinaria para a manufacturación do cristal co obxectivo de ampliar a capacidade de fabricación e mellorar o proceso de automatización.

Estes apoios dan continuidade ás axudas que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación outorgou a esta empresa a través de programas como Galicia Inviste ou Dixitalización Industria 4.0 e que desde 2014 suman ao redor de 450.000 euros para unha mobilización que supera os 2,5M€.

Dedicada á fabricación de climalit, Cristalería Ramos y Ramos conta con máis de 70 empregados, rolda os 8,7M€ en vendas e é a única en España cun robot que permite poñer automaticamente o perfil térmico flexible do dobre acristalamento.

Conde salientou o seu esforzo por innovar e por dotarse da última tecnoloxía para incrementar a súa competitividade. E tamén o retorno que isto lle está ocasionando, logo de que en 2019 ampliase en 2000 m² as súas instalacións no polígono do Pereiro de Aguiar e as equipase cunha nova liña automatizada. Un polígono, apuntou o vicepresidente, con máis de 80 empresas que xeran máis de 2000 empregos directos nun municipio que é Concello Emprendedor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2023