A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe de forma telemática na reunión da Comisión sectorial de Medio Ambiente para tratar o reparto deste ano

A Xunta esixe ao Goberno central que transfira canto antes a Galicia os fondos para o lobo que lle corresponden

Belén do Campo insta ao Ministerio a transferir as partidas orzamentarias para previr e paliar os danos causados pola especie do ano 2022 e evitar deste xeito “seguir discutindo nos tribunais” cuestións que xa están sobradamente claras

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023

A Xunta volveu esixir hoxe ao Goberno central que aplique os acordos de distribución de fondos aprobados na Conferencia sectorial do 28 de xullo de 2022 para previr e paliar os danos ocasionados polo lobo en Galicia e que cumpra coa legalidade vixente transferindo canto antes todos os fondos que, en dereito, lle corresponden a esta comunidade.

Así o defendeu a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a Comisión sectorial de Medio Ambiente que se celebrou esta mañá de forma telemática como encontro preparatorio da Conferencia prevista para este mesmo mes de xuño e na que as comunidades e o Ministerio para a transición ecolóxica e o reto demográfico acordarán o reparto definitivo das novas partidas estatais destinadas este ano ao lobo.

Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia ten solicitado para 2023 un total de 4,36 millóns de euros dos fondos dos orzamentos xerais para o lobo —2,41 millóns destinados a prevención e 1,95 millóns para indemnizacións por danos—, contía similar á que lle fora asignada a esta comunidade o ano pasado pero cuxa transferencia efectiva foi bloqueada, ata a data, polo Goberno central.

Por iso, Belén do Campo emprazou ao Ministerio a transferir tamén as partidas que “lexitimamente corresponden” a Galicia en base aos acordos de distribución aprobados o ano pasado, evitando deste xeito “seguir discutindo” nos tribunais a decisión do Goberno central de non facelos efectivos.

“Esperemos que cando se formalicen os acordos da Comisión de hoxe non se volva cometer o mesmo erro, penalizando a esta Comunidade”, declarou a directora xeral, tras lembrar que Galicia xa enviou ao Ministerio a comezos do pasado marzo a súa solicitude e a documentación preceptiva para poder optar ás partidas para o lobo deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023