A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha das zonas nas que se traballou no seguimento e control da especie nos últimos meses

A Xunta constata avances na consolidación e crecemento das poboacións de sapoconcho europeo no Parque natural de Corrubedo

Ángeles Vázquez subliña que os datos recompilados no marco deste proxecto confirman a “boa saúde” destes réptiles na zona e pon en valor a importancia dos exemplares existentes en Ribeira para garantir a conservación da especie en Galicia

O sapoconcho europeo foi reintroducido na charca de Olveira hai case 20 anos por un equipo da UVigo, o mesmo que analiza agora a súa supervivencia e xenética
 

Ribeira, 10 de xuño de 2023

Un proxecto impulsado pola Xunta para o seguimento do sapoconcho europeo no Parque natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán permitiu constatar avances na consolidación e crecemento das poboacións desta especie nas dúas charcas nas que está presente.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou este espazo natural acompañada polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, para comprobar in situ o hábitat natural destes réptiles, que figuran como “en perigo de extinción” no Catálogo galego de especies ameazadas.

Os labores de seguimento do sapoconcho no parque natural comezaron o pasado outono, coa recollida sobre o terreo dos datos base de partida, e esta primavera realizáronse novas mostraxes para completar a información.

Á vista dos resultados, confirmouse que a poboación de sapoconchos das dúas charcas de Olveira nas que están asentados amosan síntomas de crecemento. Así, tal e como se expuxo durante a visita, detectáronse 16 exemplares novos en 2022 e outros 6 máis nas mostras realizadas desde abril deste ano. Ademais, a taxa de supervivencia estimada é dun 90% anual, valor que se considera elevado para esta especie.

Por este motivo, a conselleira subliñou que os datos recompilados no marco do proxecto para o seguimento do sapoconcho europeo en Corrubedo —financiado con fondos europeos do Next Generation-UE— permiten concluír que este réptil goza “de boa saúde” no parque natural, ao tempo que puxo en valor a importancia das poboacións existentes en Ribeira para garantir a conservación da especie no conxunto de Galicia. De feito, cómpre lembrar que esta especie ten unha escasa presenza na Comunidade, que se limita aos vales dos ríos Arnoia, Avia e Louro, ademais do parque natural de Corrubedo.

O sapoconcho europeo (Emys orbicularis) foi reintroducido no ano 2004 na charca de Olveira, en Corrubedo, por un grupo da Universidade de Vigo (UVigo) liderado polo profesor Adolfo Cordero, o mesmo equipo que agora se encarga de analizar a taxa de supervivencia dos exemplares presentes nesta zona así como a súa estrutura xenética.

Nos últimos 20 anos a poboación foi medrando, tal e como permitiron constatar os seguimentos periódicos realizados desde 2010 e que arroxan unha media anual de individuos recapturados de entre 5 e 14.

Para facer as mostraxes os expertos da UVigo aplicaron nasas cebadas na charca de Olveira e en dúas próximas máis pequenas. Unha vez capturados, a cada individuo fíxoselle unha ficha completa e procedeuse á súa marcaxe cun transportador integrado pasivo para garantir o seu seguimento a largo prazo. Ademais, tamén se lle tomaron mostras de sangue para facer as análises xenéticas correspondentes e cuxas conclusións serán de utilidade para garantir a súa preservación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2023