Martina Aneiros enxalza as bondades da zamburiña de Ferrol durante o showcooking que os cociñeiros Javier Olleros e Dani López ofreceron no porto

Ferrol, 9 de xuño de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá ao showcooking que os cociñeiros Javier Olleros (con dúas estrelas Michelín) e Dani López (con dous soles Repsol) ofreceron na Sala Curuxeiras da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao ao abeiro das primeiras Xornadas da Zamburiña de Ferrol onde enxalzou as bondades deste produto tan característico da ría ferrolá. A cita estivo organizada pola asociación de hostaleiros Férvello e a Confraría de Pescadores de Ferrol, coa colaboración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

Durante a demostración, os profesionais elaboraron para os asistentes varias receitas tomando como base a zamburiña da ría ferrolá, que se atopa estas semanas en plena campaña de extracción.

As primeiras Xornadas da Zamburiña de Ferrol celébranse ata o próximo domingo 11 de xuño en varios establecementos hostaleiros de Ferrol Vello no que se pode degustar esta receita tradicional cociñada con patacas fritidas, pemento vermello, cebola e pementón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023