O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe este servizo, que estará na localidade pontevedresa ata o vindeiro luns, día 12

O programa de Coidados Porta a Porta da Xunta para as persoas maiores chega ao concello de O Porriño

A través desta proposta achégase atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria

O Porriño (Pontevedra), 9 de xuño de 2023

O programa de Coidados porta a porta da Xunta continúa a achegar atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria por todo o territorio de Galicia. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá en O Porriño unha das oito unidades móbiles deste programa, que ata o vindeiro luns, día 12, atenderá aos veciños deste concello nas inmediacións do pavillón municipal.

Antón Acevedo destacou a importancia que ten este programa para achegar servizos sociosanitarios ao carón dos fogares das persoas maiores, vivan onde vivan. Desta maneira, evítase que teñan que facer longos desprazamentos para recibir estes coidados e se lles facilita que poidan seguir vivindo na súa contorna.

Esta é a terceira parada que Coidados porta a porta fai en O Porriño. Nas dúas anteriores, que tiveron lugar nos meses de maio e novembro do ano pasado, recibiron atención máis de 130 maiores da localidade. Para acceder ás consultas deste programa soamente é necesario solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou  623 546 992, ou ben a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023