A Xunta presenta na Semana Verde de Galicia unha nova ferramenta informática que facilita aos agricultores e gandeiros a xestión integral das súas explotacións

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica inauguraron a xornada informativa sobre este instrumento, que estará dispoñible a partires do vindeiro día 1 de xullo

A nova plataforma permitirá aos titulares das explotacións cumprir as obrigas establecidas na normativa estatal de aplicación e os requisitos da nova PAC

Silleda (Pontevedra), 9 de xuño de 2023 A Xunta presentou hoxe, no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a nova plataforma informática Xeaga, de xestión integral das explotacións agrarias da nosa comunidade. Trátase dunha ferramenta que estará dispoñible a partires do vindeiro día 1 de xullo e que permitirá aos agricultores e gandeiros galegos xestionar todos os datos das súas granxas. Polo tanto, facilítalles o cumprimento da normativa estatal de aplicación.

Así, a ferramenta proporciona un acceso persoal para xestionar a obrigatoriedade de manter o caderno de explotación, no que se debe incorporar toda a información relativa ao uso de fitosanitarios, fertilización, declaración de grupos de cultivos ou ecorreximes no marco da nova Política Agrícola Común (PAC) 2023-2027.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, foron os encargados de inaugurar esta mañá en Silleda unha xornada formativa específica sobre esta materia, baixo o título de “Sistemas de Xestión de Explotacións Agrarias (AGRO 4.0 – Cadernos de explotación)”.

Trátase dun sistema incluído dentro da propia Plataforma AGRO 4.0 -iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020)- que ofrece tamén outras ferramentas, caso do observatorio de parcelas, e que senta as bases para a súa aplicación noutros eidos como a gandaría, o vitícola ou o desenvolvemento rural.

Durante a xornada de formación organizada pola Consellería do Medio Rural houbo, ademais da presentación da plataforma, unha charla sobre a “Xeolocalización como oportunidade de automatización de rexistros” e a exposición dun caso práctico de uso da nova ferramenta presentada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023