O DOG publica o incremento da achega da Xunta ao Servizo de Axuda no Fogar ata os 12 euros/hora, con efectos retroactivos desde o pasado 1 de xaneiro

O Executivo autonómico adiantou un ano o compromiso de lexislatura fixado coa Federación Galega de Municipios e Provincias para axudar aos concellos na prestación destes servizo municipal

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a actualización da participación da Xunta no financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que se incrementa ata os 12 euros/hora para axudar aos concellos na prestación deste servizo municipal. Esta subida na achega autonómica ten efectos desde o pasado 1 de xaneiro, de tal maneira que se adianta un ano o compromiso de lexislatura fixado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O Goberno galego destina este ano 112 millóns de euros ao SAF. Este reforzo económico permite poñer máis horas a disposición das entidades locais e aumentar a achega a esta prestación que depende dos concellos. Segundo o acordo chegado coa Fegamp no ano 2021, o Executivo autonómico incrementaría o financiamento deste servizo progresivamente durante a lexislatura para chegar aos 12 euros/hora no 2024, unha contía que a Xunta xa achega desde o pasado mes de xaneiro.

Data de actualización: 09/06/2023