A nova estratexia galega de seguridade e saúde laboral redobrará a aposta da Xunta para crear pequenas e medianas empresas saudables

Galicia acolle este ano o VIII Encontro da Rede Española de Empresas Saudables que se celebra hoxe en Cenlle (Ourense)

A secretaria xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron na xornada que recoñeceu as boas prácticas de empresas e entidades públicas

Avogaron por crear contornas laborais seguras e saudables como mecanismo para mellorar a produtividade, a motivación das persoas e a retención de talento

A nova lei de igualdade situará Galicia á vangarda ao regular a sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar no ámbito empresarial

Cenlle (Ourense), 9 de xuño de 2023 A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, acompañada da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron no VIII Encuentro Abierto da Red Española de Empresas Saudables (REES) co-organizado pola Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga),  e o Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (INSST). As representantes autonómicas referendaron no acto o compromiso da Administración galega para promocionar entre o tecido produtivo -sobre todo medianas e pequenas empresas- contornas laborais seguras e saudables e lembraron que a nova lei de igualdade situará a Galicia como punta de lanza ao regular o concepto de sustentabilidade social empresarial para acadar o verdadeiro benestar.  

Tal e como remarcou Toca, Galicia está comprometida coa promoción das empresas saudables e brinda xa un “marco favorable” que se ratificará na estratexia galega de saúde e seguridade laboral que se atopa en fase de negociación. “É clave dar unha resposta axeitada aos riscos piscosociais nos lugares de traballo pola súa clara vinculación coa saúde das persoas”, manifestou durante a clausura do encontro, no que tamén puxo énfase na incidencia deste tipo de prácticas para reducir a sinistralidade laboral en accidentes non traumáticos (infartos e derrames, sobre todo) e na saúde mental das persoas traballadoras desde o ámbito da prevención.

A secretaria xeral mostrouse partidaria de facer crecer a rede de empresas saudables, principalmente entre as pemes e as micropemes, para lograr “unha sociedade máis xusta, máis equitativa e mellorar no persoal, no laboral e no social”. Na mesma liña, defendeu que na actual sociedade, as contornas que atenden á conciliación da vida laboral e familiar son os que “serán capaces de ser sostibles no tempo, captar e reter o talento porque poñen no centro ás persoas traballadoras”. Con ese compromiso, apuntou, conseguirán fidelizar clientes e “obter un retorno do investimento realizado nos programas de benestar no lugar de traballo en termos de produtividade e competitividade”.

Galicia contará cunha nova lei de igualdade que impulsará a sustentabilidade social empresarial como acicate para que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero e a creación de equipos diversos, mellorando a súa competitividade e converténdose en polos de atracción e retención do talento. A comunidade galega será así a primeira administración do Estado en regular este concepto, co que aspira a modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial, subliñaron as representantes da Xunta.

O Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (INSST), O.A., M.P. -organismo científico-técnico de referencia da Administración xeral do Estado, especializado na investigación e o estudo das condicións de seguridade e saúde no traballo, así como na promoción e o apoio á mellora das mesmas- é co-organizador do Encontro Aberto da REES, que este ano ten como tema central a promoción da saúde mental desde a empresa, aliñándose cos obxectivos da Estrategia Española de Seguridad y Salud en el Trabajo 2023-2027. Esta estratexia aspira a lograr contornas de traballo seguras e saudables, que contribúan positivamente á saúde das persoas traballadoras, e ao progreso das empresas e da sociedade. O primeiro obxectivo da  dita estratexia é o de mellorar a prevención dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais e sitúa, por primeira vez, ao mesmo nivel, a protección da saúde física e mental das persoas traballadoras, o que sitúa a saúde mental entre as prioridades desta.

Nesta ocasión Galicia foi seleccionada para acoller este encontro celebrado en formato híbrido-presencial e en streaming coa participación de máis de 700 persoas, que se celebra por oitavo ano consecutivo, no que ademais se recoñeceron proxectos e boas prácticas na promoción da saúde das persoas por parte de empresas e entidades públicas que recaeron en Banco Santander, Bankinter, BSH Electrodomésticos, o Cabildo Insular de Tenerife, Isdin, JCdecaux España, Autoridade Portuaria de Bilbao, Agencia Tributaria de Madrid, Decal España, Eusko Jaurlaritzaren Informativa Elkartea (EJIE), Unión de Mutuas, CTAIMA Outsourcing & Consultingo, Codisol, Henkel Ibérica e Acciona.

Con eventos como o de hoxe, a Xunta pon de relevo a importante coordinación entre administracións, e neste caso dos órganos técnicos, para avanzar en materia de seguridade e saúde no traballo. Ademais do Issga e do INSST, tomaron parte na xornada representantes dos servizos vasco, canario e asturiano.

A Red Española de Empresas Saudables, proxecto iniciado polo INSST en 2013, está integrada na actualidade por máis de 860 empresas de todos os sectores de actividade e traballa co obxectivo de recoñecer o labor das empresas no eido da mellora da saúde e do benestar das traballadoras e traballadores e divulgar a cultura e o intercambio de experiencias empresariais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023