Seis estudos de arquitectura optan á redacción do proxecto do novo instituto de Navia

A Xunta continúa avanzando no proceso para facer realidade canto antes esta infraestrutura educativa esencial para a cidade, que suporá un investimento de 14 millóns de euros

Confía en que o Concello axilice o proceso de cesión de terreos e así poder completar todos os pasos administrativos necesarios

A Consellería de Educación leva investidos xa máis de 400.000 euros en trámites previos
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023

Un total de seis estudos de arquitectura optan á redacción do proxecto básico e de execución para a construción do novo Instituto IES de Navia, en Vigo, que suporá un investimento estimado de 14 millóns de euros  por parte da Xunta de Galicia.

Deste xeito, o Goberno galego reafirma o seu compromiso de continuar avanzando todos os trámites administrativos para facer realidade, canto antes, esta nova infraestrutura educativa que dará servizo a unha zona de importante expansión da cidade. A este respecto, a Xunta reitera a necesidade de disposición de terreos e confía en que o Concello de Vigo axilice a cesión da parcela a través dunha forma xurídica específica.

A construción deste instituto -no que a Xunta leva investidos máis de 400.000 euros en trámites previos- é o proxecto máis ambicioso en materia educativa en toda Galicia

Datos técnicos

De acordo co plan funcional inicial -no que se fixan os aspectos formais, construtivos e económicos da obra-, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 metros cadrados construídos sobre unha parcela de 12.576 metros cadrados totais.

Nel ubicaranse un total de 20 aulas (16 para Educación Secundaria Obrigatoria e 4 para Bacharelato), e disporá de aulas especializadas (música, tecnoloxía, plástica e debuxo), de laboratorios, aulas multifuncionais (espazos maker), espazo foro, biblioteca, ximnasio, vestiarios e aseos. 

Ademais disporá dunha área de Administración (despachos, arquivo, conserxería e reprografía, departamentos didácticos...), de servizos comúns (cafetaría, almacén, vestíbulo e taquillas) e espazos exteriores (patio cuberto, pista polideportiva, espazos cubertos, aparcamento de bicicletas e estacionamentos).

Esta nova infraestrutura estará deseñada seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sustentabilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos.

Data de actualización: 09/06/2023