As últimas probas de emprego público de Educación 2022-2023 arrancan o 22 de xuño

Trátase do concurso-oposición polo sistema transitorio marcado polo Goberno central con 125 prazas
 

A Xunta de Galicia completa este mes o proceso de oferta de emprego público de preto de 4.000 prazas nos últimos dous anos
 

Xa están resoltos os concurso-oposicións acumulados de 2021 e 2022, así como o concurso de méritos e a integración dos profesores técnicos de FP en Secundaria
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia completa este mes o proceso de oferta de emprego de preto de 4.000 prazas nos últimos dous anos. O Portal Educativo publica a resolución coas datas e lugares do primeiro exames do concurso-oposición deste ano 2023, que comezarán o día 22 de xuño para todas as especialidades, agás na de profesores de ruso para escolas oficiais de idiomas, que están convocados para o día 30. En total están admitidas nestas probas 9.623 persoas.

Con 125 prazas, este é o último dos procesos para celebrar as case 4.000 prazas, dado que xa están resoltas tanto as 2.628 da oferta de emprego pública acumulada de 2021 e 2022. Tamén o concurso de méritos, de obrigada celebración por imperativa estatal, con 1.156. De xeito paralelo, resolveuse a integración no corpo de profesores de Secundaria dos profesores técnicos de FP que cumprían as esixencias de titulación marcados polo Goberno central para esta conversión.

O concurso-oposición polo sistema transitorio inclúe 54 especialidades nos corpos de profesores de ensino secundario (88 prazas), mestres (17 prazas), especialistas en sectores singulares de FP (6 prazas), escolas oficiais de idiomas (8 prazas), música e artes escénicas (1 praza) e artes plásticas e deseño (5 prazas).
 
No caso dos que se presenten ás probas de ruso para escolas oficiais de idiomas, deberán acudir ao Instituto IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela o 30 de xuño ás 9,00 horas. Os inscritos no resto das especialidades deberán acudir aos seus respectivos lugares de exame o día 22, tamén ás 9,00 horas. Os lugares das probas poden consultarse na resolución. Para a segunda proba serán os tribunais de cada especialidade os que citen aos opositores.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023