O conselleiro de Sanidade destaca o nivel de especialización dos profesionais da Unidade Médico-Cirúrxica de Cardiopatías Conxénitas do CHUAC

García Comesaña participou esta mañá no acto do 25 aniversario dunha unidade que é referente a nivel autonómico e nacional

Desde a súa posta en marcha, a Unidade de Cardiopatías Conxénitas do CHUAC realizou máis de 2.500 intervencións e, entre os anos 2010 e 2022 rexistrou un total de 35.290 consultas

O titular da carteira sanitaria da Xunta agradeceu a colaboración da Sociedade de Pediatría de Galicia, e a implicación de colectivo do ámbito social como a Asociación Late Corazón ou a Fundación María José Jove

Así mesmo, puxo en valor a recente incorporación de equipamentos de altas prestacións cos que se optimizou a calidade asistencial deste servizo
 

A Coruña, 9 de xuño de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá nos actos do 25º Aniversario da Unidade Médico-Cirúrxica de Cardiopatías Conxénitas do Complexo hospitalario Universitario da Coruña. Un evento no que destacou o alto nivel de especialización dos profesionais que desempeñan o seu labor neste servizo do CHUAC.

Desde o ano 1998, o Hospital Universitario da Coruña conta cun programa estable de tratamento das cardiopatías conxénitas, o que fai que sexa centro de referencia tanto a nivel autonómico, como nacional.

As cardiopatías conxénitas son un grupo de enfermidades que se caracterizan pola presenza de alteracións na estrutura do corazón ao nacer. Así, desde a posta en marcha da Unidade de Cardiopatías Conxénitas do CHUAC, esta realizou xa máis de 2.500 intervencións e, entre os ano 2010 e 2022, rexistrou un total de 35.290 consultas infantís e pediátricas. Anualmente, realiza máis dun cento de cirurxías cardíacas, e tamén leva a cabo máis de 100 de cateterismos no ámbito cardíaco.

Durante o acto, García Comesaña puxo de relevo a recente incorporación de equipamento de altas prestacións neste servizo, cos que se optimizou a súa calidade asistencial. Neste senso, apuntou que dous ecocardiógrafos de última xeración tiveron como destino o CHUAC e, máis en concreto, un deles foi emprazado na súa área de Cardioloxía pediátrica.

O titular da carteira sanitaria da Xunta tivo palabras de recoñecemento para a Sociedade de Pediatría de Galicia pola súa colaboración, e destacou a implicación de colectivos do ámbito social, como é caso da Asociación Late Corazón; ou da Fundación María José Jove, que a través do programa “Hogar de Corazones”, facilita o aloxamento dos familiares dos pacientes infantís con cardiopatías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023