A delegada territorial da Xunta en Ferrol informou da convocatoria para os anos 2023 e 2024 durante a visita ao establecemento La Fuga Spazio, en Narón

Martina Aneiros anima a solicitar as axudas da Xunta para a adquisición de bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido para cadeiras de rodas

Os incentivos poden oscilar entre os 500 e os 700 euros en función da situación dos beneficiarios e do equipamento adquirido

A entidade colaboradora será a encargada de presentar telematicamente a solicitude de axuda no momento da adquisición do equipo

O programa E-bici da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun orzamento de 1,7 M€ para as anualidades 2023 e 2024

Narón (A Coruña), 9 de xuño de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, visitou esta mañá o establecemento La Fuga Spazio, en Narón, onde informou da nova convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a adquisición de bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido para cadeiras de rodas, programa E-Bici.

“Nesta ocasión o Goberno galego lanza unha convocatoria bianual que se manterá aberta ata o próximo 15 de novembro de 2024 ou ata a esgotar o crédito”, avanzou Aneiros. O programa da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conta cun orzamento total de 1,7 M€ co obxectivo de continuar co impulso da adquisición de bicicletas eléctricas para o fomento dunha mobilidade máis sostible e saudable.

Outra das novidades da convocatoria é o concepto que engloban as axudas. Estas poden destinarse tanto a adquisición de bicicletas eléctricas urbanas como as de man híbridas ou eléctricas, mediante as que se dota unha cadeira de rodas de características análogas, en termos de mobilidade, ás dunha bicicleta eléctrica.

As axudas cobren ata o 50 % do custo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 euros, con carácter xeral. Sen embargo, as familias numerosas teñen máis vantaxes xa que os incentivos cobren o 60 %, cunha achega tope de 600 euros; e para as de categoría especial, os descontos elévanse ata un máximo de 700 €, cubrindo ata un 70 % do custo. Igualmente, as axudas acadarán ata o 70 % do importe das bicicletas de man para cadeiras de rodas, co mesmo tope de 700 euros.

A entidade colaboradora do programa, como é o caso do establecemento naronés La Fuga, será a encargada de presentar telematicamente a solicitude de axuda, polo que a persoa interesada na adquisición de bicicletas eléctricas terá que tramitar o incentivo da Xunta a través dalgunha das entidades adheridas que figuren na listaxe que publica a web da Dirección Xeral de Mobilidade, que se irá actualizando conforme se sumen novas entidades.

Aneiros animou a solicitar estes apoios económicos cos que a Xunta busca “promover que os cidadáns realicen os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, especialmente nas contornas urbanas, fomentando unha mobilidade máis saudable para quen se decante polo emprego deste medio de transporte alternativo, reducindo as emisións a atmosfera e tamén o ruído”, indicou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023