A nova Axenda Industrial reflicte a aposta de Galicia pola economía circular, o hidróxeno verde e a mobilidade sustentable

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago de Compostela na xornada ‘O futuro da enerxía’, onde fixo fincapé no obxectivo central de implementar o binomio industria-sustentabilidade

Lembra que o vindeiro luns se lanzará unha manifestación de interese para que o tecido empresarial concrete a súa vontade de implicarse na sociedade mixta para investir en proxectos que aproveiten os recursos naturais

Subliña a necesidade de que se resolvan cuestións pendentes como contar cun prezo enerxético competitivo, as infraestruturas da rede eléctrica para novos proxectos industriais e un futuro garantido para a coxeración

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na inauguración da xornada O futuro da enerxía, que organiza APD no Centro Obra Social de Abanca en Santiago de Compostela. Na súa intervención, Conde apuntou que a nova Axenda Industrial, que se sustenta no binomio industria-sustentabilidade, reflicte a aposta de Galicia pola economía circular, o hidróxeno verde e a mobilidade sustentable.

Así, lembrou que se vén de constituír a Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, que agrupa a toda a cadea de valor do sector e os axentes económicos e sociais. Neste eido, cóntase co compromiso de Enagás para construír o hidroduto Guitiriz-Zamora, están en tramitación proxectos de factorías nas Pontes (de Reganosa e de EDP Renovables) e Meirama (promovida por Reganosa, Naturgy e Repsol), e tamén hai iniciativas relacionados coa fabricación de compoñentes, como o proxecto de Repsol e Navantia para a produción de electrolizadores.

No que respecta aos biocombustibles, destacan os proxectos de Forestal del Atlántico en Mugardos e o de Iberdrola e Foresa en Galicia, así como Greenalia e P2X coa planta que prevén implantar en Curtis para a produción de e-fuel.

No eido da mobilidade sustentable, tal e como lembrou Conde, cóntase con iniciativas como as de Resonac, Sentury e Stellantis; mentres que na economía circular destaca a fábrica de fibras téxtiles de Altri e a futura bioplanta que Ence quere instalar nas Pontes.

Segundo subliñou Francisco Conde, a Axenda Industrial de Galicia é tamén unha aposta por despregar novas fontes de enerxía renovable como a eólica mariña e por darlle acceso á industria a un prezo eléctrico competitivo.

O responsable de Economía, Industria e Innovación sinalou que a futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia acaba de rematar a súa fase de consultas. Onte mesmo o Consello da Xunta deu un paso máis de cara á constitución da sociedade mixta que creará Galicia para investir en proxectos que aproveiten os recursos naturais, e así, o vindeiro luns lanzarase unha manifestación de interese para que o tecido empresarial concrete a súa vontade de implicarse nesa sociedade. O proceso, que estará aberto ata o vindeiro 30 de xuño, é segundo Conde unha mostra máis da aposta de Galicia pola colaboración público-privada para afrontar os retos do contexto actual.

Ao longo da súa intervención, o vicepresidente primeiro subliñou tamén que a Xunta de Galicia agarda que se resolvan cuestións pendentes como contar cun prezo enerxético competitivo, as infraestruturas da rede eléctrica para novos proxectos industriais e un futuro garantido para a coxeración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023