A Xunta forma un grupo da Garda Nacional de Dubai en materia de rescate e loita contra a contaminación no mar

O Servizo de Gardacostas impartiu un curso homologado a nivel internacional, con parte teórica e práctica, a 14 membros deste organismo dos Emiratos Árabes Unidos

Esta acción dá resposta á demanda dos propios interesados, que elixiron Galicia para o seu desenvolvemento ao considerala unha comunidade punteira e referente tanto no salvamento marítimo como na actuación ante episodios contaminantes

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2023 O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, impartiu nas últimas semanas un curso formativo a un grupo de 14 persoas pertencentes á Garda Nacional de Dubai, dos Emiratos Árabes Unidos, en materia de salvamento e rescate (SAR) e loita contra a contaminación mariña.

Esta acción formativa, homologada a nivel internacional, dá resposta á demanda do propio organismo emiratí, que elixiu Galicia para o seu desenvolvemento ao considerala unha comunidade punteira e referente a nivel internacional tanto na busca de persoas no mar como na actuación contra episodios de contaminación mariña accidental.

O curso -deseñado conxuntamente polo Servizo de Gardacostas e a empresa Remolcanosa e promovido pola firma emiratí La Stella Group- contou tanto cunha parte teórica, desenvolvida fundamentalmente no porto de Vigo, como con actividades prácticas a bordo de buques polivalentes do organismo dependente da Consellería do Mar como o Irmáns García Nodal ou o Sebastián de Ocampo. Neles desenvolvéronse exercicios de rescate de home á auga, loita contra incendios a bordo ou outras posibles incidencias tanto dentro do buque como no mar.

O alumnado tamén puido coñecer distintas instalacións e medios existentes en Galicia para a coordinación de emerxencias marítimas ao tempo que contou con formación específica sobre os protocolos de actuación ante episodios de contaminación mariña accidental. Neste sentido, puideron comprobar o funcionamento do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) co que a Xunta fai fronte ás incidencias deste tipo que se rexistran no litoral da comunidade.

Os integrantes da Garda Nacional de Dubai estiveron arredor dun mes formándose na comunidade e agora están a completar a súa capacitación en materia de salvamento e loita contra a contaminación no seu país de orixe, o que lles permitirá contar cun curso homologado a nivel internacional para a prestación deste tipo de servizos de axuda e rescate no mar así como para a actuación ante episodios de contaminación mariña.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 11/06/2023