A Xunta recoñece o traballo de cinco centros educativos co selo Biblioteca Escolar Solidaria

A finalidade desta distinción é poñer en valor aqueles colexios que destacan polo seu labor a prol da igualdade no ámbito da biblioteca escolar

Outros dez centros foron seleccionados polas súas experiencias de lectura compartida e acompañada no marco do programa Voluntariado de Lectura na etapa de Primaria

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de cinco centros educativos co selo Biblioteca Escolar Solidaria, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que ten como obxectivo premiar aquelas bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre a comunidade escolar.

Os centros galardoados son os colexios CEIP Plurilingüe Montemogos (Bueu) e CEIP O Cantel (Foz), a Escola de Educación Infantil EEI San Roque (Viveiro), o Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) e o Instituto IES Valadares (Vigo).

Cada un deles recibirá unha asignación de 1.500 €, así como un diploma acreditativo e o selo en arquivo dixital, que poderán inserir nos espazos web e outras publicacións da biblioteca escolar como distintivo de calidade en termos de traballo solidario e a favor da comunidade escolar.

De xeito parello, a Consellería de Educación resolveu recoñecer o traballo doutros 10 centros de Infantil e Primaria en materia voluntariado de lectura, iniciativa integrada nos programas de voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

Os premiados neste caso son os colexios CEIP Nicolás del Río (Cedeira), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP Plurilingüe da Pobra de Brollón (Pobra de Brollón), CEIP Plurilingüe nº 1 de Foz (Foz), CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos (Monforte de Lemos), CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz (Ribadeo), CPI Antonio Faílde (Coles), CEIP Plurilingüe Irmáns Villar (Ourense), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e CEIP Illas Cíes (Vigo).

Os devanditos 10 centros recibirán unha asignación de 600 € para o desenvolvemento dun obradoiro especializado, que deberá versar sobre lectura expresiva, narración oral, escrita creativa, a radio como medio de comunicación, a elaboración de booktrailers (pezas audiovisuais de presentación dun libro), os xogos cooperativos ou a música e danza tradicionais.

O obxectivo desta acción é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria, a través de actividades como as lecturas compartidas dentro e fóra do centro (na vila, con outros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do concello, por exemplo), así como as accións de acompañamento na lectura a outros compañeiros do propio colexio, denominados como apadriñamentos e amadriñamentos lectores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2023