Case 160 estudantes das universidades públicas galegas mellorarán o seu nivel en idiomas a través das bolsas da Xunta este verán no estranxeiro

O DOG publica a resolución destas axudas para realizar cursos de linguas estranxeiras nalgún Estado membro da UE do 15 de xuño ao 31 de agosto

Cada estudante, o 70% mulleres, recibirá unha axuda de 1000 €

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023 Un total de 159 estudantes das universidades públicas galegas mellorarán as súas competencias en idiomas este verán a través das bolsas da Xunta para estadías formativas no estranxeiro. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución destas axudas, que teñen como obxectivo facilitarlle ao alumnado universitario cumprir cos requisitos e necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior, que esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a súa competencia, capacidade de estudo e de traballo no contexto internacional.

Cada estudante recibirá unha axuda de 1000€ para realizar estadías de formación lingüística nalgún Estado membro da Unión Europea entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. O ano pasado participaron neste programa 142 universitarios.

Do total dos 159 bolseiros, 111 (o 70%) son mulleres e 48 (o 30%) son homes. Por universidades, 83 estudan na de Santiago de Compostela, 45 na de Vigo e 31 na da Coruña. O país ao que máis se desprazan os alumnos é Irlanda (66 estudantes), seguido de Malta (45) e Francia e Italia, ambos con 17 estudantes. Séguenlle Alemaña (9), Portugal (4) e Austria (1).

A rama de coñecemento na que están matriculados máis bolseiros é Ciencias Sociais e Xurídicas (66 estudantes), seguida de Ciencias da Saúde e Artes e Humanidades, ambas as dúas con 31 alumnos. A maiores, 19 beneficiados cursan estudos de Enxeñaría e Arquitectura e outros 12 da rama de Ciencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/06/2023