O programa Xacobeo Xove ponse en marcha en xullo con descontos de ata 200 € á mocidade en establecementos turísticos do Camiño
O obxectivo do programa é fomentar as rutas xacobeas como experiencia turística para a xuventude galega
As axencias de viaxes galegas ofertarán paquetes turísticos para as persoas usuarias do Carné Xove, aquelas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha en xullo do programa Xacobeo Xove que ofrecerá descontos de ata 200 euros como máximo á mocidade galega para cubrir gastos en aloxamento e manutención en establecementos turísticos do Camiño, co obxecto de fomentar as rutas xacobeas entre as novas xeracións.
Rueda puxo en valor que o Camiño é unha experiencia que atrae a xente de calquera idade e, como mostra, apuntou a que, segundo os datos das compostelas que manexa na actualidade a Oficina do Peregrino “un terzo dos camiñantes que chegan a Compostela teñen menos de 30 anos”. Por iso, defendeu estes paquetes -que serán ofertados exclusivamente a través de axencias de viaxes- para “animar os máis mozos e mozas a desfrutar da experiencia única que supón percorrer a ruta xacobea”.