A Xunta amplía ata case 21 M€ o orzamento do Bono de alugueiro social para axudar a colectivos vulnerables

Vai dirixido a afectados por demandas de desafiuzamento ou execución hipotecaria da vivenda habitual, vítimas de violencia de xénero ou de trata, persoas en situación de emerxencia social ou mozos que estaban tutelados pola Xunta, entre outros

A prestación pode chegar a cubrir o 100% da renda de alugamento dos beneficiarios, cun importe límite de 660 € mensuais se o inmoble se localiza nunha das 7 grandes cidades, de 600 € en concellos de tamaño medio e de 510 € no resto da Comunidade

A prestación concédese por un período inicial de 12 meses consecutivos pero é susceptible de ampliarse coas correspondentes prórrogas ata un máximo de 5 anos

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia acaba de ampliar ata preto de 21 millóns de euros —4,67 millóns de euros reservados para vítimas de violencia de xénero e 16,3 millóns de euros para o resto de beneficiarios— o orzamento total dispoñible para pagar o Bono de alugueiro social, unha prestación que garante a cobertura da renda da vivenda habitual a colectivos e familias que, por diversos motivos, se ven afectadas por unha situación de vulnerabilidade.

Coa resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia, a actual convocatoria do bono —publicada en xullo do ano pasado e vixente ata o ano 2026— suma un total de 2,3 millóns de euros aos fondos inicialmente previstos, ampliación que se repartirá entre os exercicios 2023, 2024 e 2025 e permitirá chegar a un maior número de beneficiarios.

O obxectivo deste programa é facilitar o acceso ou o mantemento dun fogar a colectivos desfavorecidos, especificamente a afectados por unha demanda de desafiuzamento ou un procedemento de execución hipotecaria, vítimas de violencia de xénero e mulleres que sofren trata con fins de explotación sexual, fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero, persoas privadas da súa vivenda por causas sobrevidas e imprevistas ou que se atopen en situación de emerxencia social, e mozos tutelados pola Xunta unha vez acadan a maioría de idade, entre outros.

Co fin de paliar este tipo de situacións de vulnerabilidade, os beneficiarios teñen dereito a unha prestación que, desde o ano 2020, equivale ao 100% da renda que figure no seu contrato de alugueiro, sempre e cando esta non supere a contía límite establecida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para cada área xeográfica.

Deste xeito, nas 7 grandes cidades o importe que asume a Xunta é de, como máximo, 550 euros ao mes; nos concellos de tamaño medio e localizados en contornas urbanas, está fixado en 500 euros; e no resto de municipios, o límite acada os 425 euros.

En todo caso, estas contías increméntanse nun 20% cando a unidade de convivencia do beneficiario necesite dispoñer dunha vivenda adaptada ou estea integrada por 5 ou máis membros polo que nestes supostos o importe do bono poderá chegar ata os 660, 600 ou 510 euros, respectivamente e segundo a zona.

1,5 veces o Iprem

Para acceder a estes incentivos, os solicitantes deben acreditar uns ingresos ponderados da unidade de convivencia inferiores a 1,5 veces o Iprem —entre 12.600 euros anuais en 14 pagas para unidades familiares de 1 membro e 21.000 euros anuais para familias de 5 ou máis membros—. Esta contía vese incrementada en función do número de convivintes e doutras circunstancias particulares que ponderan para o límite de ingresos.

Ademais, os perceptores desta prestación tamén poden recibir unha axuda complementaria de ata 600 euros destinada a pagar os gastos asociados á constitución dun novo contrato de alugamento —fianza, alta de subministros, etc.— ou ben a atender as cantidades pendentes de pago que motivaron o procedemento de desafiuzamento.

O Bono de alugueiro social concédese por un período de 12 meses consecutivos, aínda que poden solicitarse 4 prórrogas. Deste xeito, os beneficiarios teñen dereito a percibir esta axuda que lles garante a cobertura total do seu alugueiro por un máximo de 5 anos.

Ademais, cómpre lembrar que o actual bono se convocou o verán pasado de forma continuada e permanente ata o ano 2026 ou ata esgotar o crédito dispoñible, polo que na propia convocatoria xa se prevía a posibilidade de que o orzamento inicial —preto de 15 millóns de euros— puidese ser ampliado durante a súa vixencia.

Data de actualización: 08/06/2023