A Xunta inicia os traballos de substitución dunha obra de paso para aumentar a capacidade de drenaxe na estrada LU-636 en Sarria

As tarefas precisan dun corte da calzada, polo que se habilitou un desvío entre os puntos quilométricos 3+630 e 3+990

A obra de paso será substituída por un marco prefabricado de formigón nunha lonxitude de 13 metros, dando así unha maior capacidade de drenaxe nese punto

O obxectivo é evitar os problemas que se producen en episodios de fortes chuvias, como o acontecido este inverno, que afectou á plataforma da estrada
 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou os traballos de substitución dunha obra de paso para garantir maior capacidade de drenaxe na estrada LU-636, no concello de Sarria.

Estas tarefas precisan dun corte total da calzada, polo que se habilitou un desvío para o paso do tráfico que está debidamente sinalizado, entre os puntos quilométricos 3+630 e 3+990. A previsión é poder rematar os traballos a finais deste mesmo mes de xuño.

A intervención consiste na substitución da obra de paso situada no punto quilométrico 3+700 desta vía, formada por dous tubos de diámetro de 600 mm. Será remprazada por un marco prefabricado de formigón nunha lonxitude de 13 metros, dando así unha maior capacidade de drenaxe.

O obxectivo é evitar o problema que se produce en episodios de fortes chuvias, como o acontecido este inverno, que afectou á plataforma da estrada.

Esta actuación é unha das últimas previstas no contrato de obras de emerxencia para a reparación das vías autonómicas na provincia de Lugo afectadas polos temporais do inverno, cun investimento global de preto de 416.000 euros.

O contrato, executado ao 87%, xa permitiu levar a cabo actuacións como a estabilización de noiros nas estradas LU-533 ou na LU-633; ou a estabilización de muros de escollera na LU-651, na LU-622, na LU-653 ou na LU-933.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023