A Xunta celebra unha á xornada técnica sobre a prevención e a erradicación da rinotraqueíte infecciosa bovina

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou no acto de inauguración desta xornada

Trátase dunha actividade de transferencia enmarcada dentro do proxecto estratéxico de cooperación “Aportacións ao coñecemento de distribución do herpesvirus bovino tipo 2 (BoH-2) na cabana vacuna galega”
 

Abegondo (A Coruña), 8 de  xuño de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe no acto de inauguración da xornada técnica sobre prevención, control e erradicación da rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR), que tivo lugar hoxe no Centro de Investigaións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Trátase dunha actividade de transferencia enmarcada dentro do proxecto estratéxico de cooperación “Aportacións ao coñecemento de distribución do herpesvirus bovino tipo 2 (BoH-2) na cabana vacuna galega” e organizada pola Consellería do Medio Rural. É unha xornada de carácter técnico, polo que está destinada a veterinarios de gando bovino de Galicia. Ten como obxectivo dar a coñecer os resultados deste proxecto, e compartir o coñecemento de expertos na materia cós técnicos veterinarios involucrados na prevención e diagnose desta enfermidade. Ademais, este estudo pretende, a través da mellora da sanidade animal, conseguir un impacto positivo no rendemento e a rendibilidade das explotacións gandeiras.

Ao longo do día, sucederanse diversas charlas e faladoiros sobre o diagnóstico da rinotraqueíte infecciosa bovina en Galicia, a aplicación do programa de cualificación desta enfermidade noutras comunidades e cuestións relacionadas coa perspectiva de futuro. Os relatores son técnicas e técnicos con ampla experiencia na materia pertencentes á Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e de institucións de referencia de comunidades autónomas como Andalucía e o País Vasco.

Para finalizar a xornada, haberá unha mesa redonda na que participarán expertos e expertas do sector para debater as cuestións de actualidade relacionadas con esta enfermidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023