O presidente da Xunta participou na inauguración do III Encontro Oportunius

Rueda enxalza as oportunidades que ofrece Galicia para captar, reter e aumentar talento investigador

Destaca a consolidación de cinco novas prazas de persoal investigador, a Estratexia RIS3 de Galicia e o futuro decreto das carreiras investigadoras como ferramentas para facer da Comunidade un referente no eido da ciencia
 

Salienta os bos resultados en materia investigadora en Galicia, pero anima “a non conformarse” e a “seguir medrando” para cimentar a marca Galicia de I+D+i

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou as oportunidades que ofrece Galicia para “captar, reter e aumentar” talento investigador. O titular do Goberno galego participou hoxe na inauguración do III Encontro Oportunius, no que puxo en valor o labor dos científicos para construír a Galicia do futuro desde o coñecemento e a innovación. 

“Un país sen investigación é un país que perde oportunidades”, advertiu o mandatario galego, en referencia a que o talento investigador e científico é fundamental para facer fronte aos retos tecnolóxicos, ambientais, sanitarios o sociais aos que se enfronta Galicia, de aí que defendese a “prioridade” do emprego dos recursos públicos para “favorecer a investigación”. 

Rueda indicou que o deber das Administracións é responder a ese talento con ferramentas e medios, de aí a posta en marcha do programa Oportunius que arrincou no ano 2014 como unha iniciativa promovida pola Xunta, coa colaboración do Sistema Universitario Galego (SUG), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e os organismos de investigación de Galicia para ofrecer condicións atractivas que permitan atraer e reter talento investigador de primeiro nivel. 

O mandatario galego fixo fincapé en que traballo destes últimos anos desde o programa Oportunius favoreceu o impulso nacional e internacional da marca Galicia na I+D+i, do que, segundo remarcou, dan proba os 50 investigadores e investigadoras gañadoras e finalistas das axudas do Consello Europeo de Investigación, “que situaron a Comunidade autónoma como a sexta por número de proxectos e volume de recursos captados polos gañadores destas axudas”. “Este é un esforzo colectivo,  dos equipos de investigación, da Xunta, do sistema universitario galego, do CSIC e das excelentes unidades de investigación galegas”, valorou. 

Cinco novas prazas de persoal investigador

A pesar dos “bos resultados” en materia investigadora en Galicia, o presidente da Xunta advertiu de que “non hai que conformarse” e apuntou a que a intención do Goberno galego é seguir avanzando nesa liña. Así, anunciou a consolidación de cinco novas prazas de persoal investigador distinguido a través do programa Oportunius, que se suman aos dez que xa están contratados por esta vía. 

Ademais da consolidación de prazas de persoal investigador, Rueda lembrou que Galicia conta desde o mes de marzo coa nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), “unha estratexia global chamada a converter a Galicia nun polo de atracción de talento investigador de calidade”. A maiores, subliñou o feito de que se está elaborando un decreto que fixe as condicións para desenvolver carreiras investigadoras nos centros e fundacións dependentes da Administración autonómica. 

Alfonso Rueda salientou o “importante esforzo” do Goberno galego por facer de Galicia unha Comunidade excelente en materia investigadora. “Imos seguir nesta mesma liña de continuar medrando e non estancarse, xa que temos unha vantaxe investigadora despois destes anos. Agora o que hai que facer é consolidar a marca Galicia de I+D+i”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2023