O presidente da Xunta asiste á gala de entrega destes galardóns

Rueda enxalza os premios "Pontevedreses do ano" como mostra do compromiso e traballo diario das figuras públicas e entidades galegas

Subliña que todos os galardoados comparten méritos para ser recoñecidos no conxunto da comunidade

Asegura que estes premios demostran que o extraordinario en Galicia non é algo excepcional

Pontevedra, 5 de xuño de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde os premios ‘Pontevedreses do ano’ que entrega o Diario de Pontevedra como unha mostra do compromiso e traballo diario das figuras públicas e entidades galegas. O titular do Goberno autonómico resaltou que todos os galardoados -do eido social, da cultura, do deporte ou da empresa- son pontevedreses comprometidos e extraordinarios.

Durante a gala de entrega, Rueda subliñou o gran labor que realizan as persoas e entidades premiadas e salientou que todos comparten méritos para ser recoñecidos a nivel galego, o que demostra que Galicia é unha terra de xente comprometida e con talento. Indicou que os premios entregados hoxe son un bo exemplo de que o extraordinario en Galicia non é algo excepcional.

Sobre os premiados, o presidente galego enxalzou ao escritor Víctor Fernández Freixanes -que recibiu o Premio de Honra- como unha das figuras máis importantes da literatura galega e, ademais, gabou a carreira artística do actor Francis Lorenzo, o gran labor que realiza desde hai 25 anos a Asociación Alba na atención aos pacientes con enfermidades psíquicas de Pontevedra, o talento da porteira de fútbol sala Silvia Aguete, o compromiso coa educación da UNED en Pontevedra desde hai medio século así como a traxectoria dunha empresa familiar como Autocares Rías Baixas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023