A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na inauguración dun webinario sobre esta materia

A Xunta asesora ao persoal municipal dos concellos adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima sobre as seguintes fases a desenvolver no marco desta iniciativa

Galicia conta xa con 285 concellos adheridos a esta iniciativa, dos que o 87 % xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia asesora ao persoal municipal dos concellos adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía sobre as seguintes fases a desenvolver no marco desta iniciativa a través dun webinario que hoxe foi inaugurado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. 

Esta xornada formativa en liña, organizada no marco dos actos da Semana por unha Galicia sostible que promove a Xunta co gallo do Día mundial do medio ambiente, que se celebrou onte, 5 de xuño, ten como obxectivo orientar aos concellos de cara á actualización dos Plans de acción polo clima e a enerxía sustentable. Máis polo miúdo, segundo explicou Ángeles Vázquez, os seguintes pasos a dar serían presentar o primeiro e segundo informe de seguimento, completar os contidos relativos á adaptación ao cambio climático e introducir a loita contra a pobreza enerxética. 

Nesa liña, a sesión estará dividida en dúas accións formativas. Por unha banda, analizaranse os avances levados a cabo na loita contra o cambio climático por parte dos concellos galegos e, por outra banda, abordarase a avaliación local da vulnerabilidade enerxética. 

Ademais de adaptar o contido do webinario ás características dos concellos da Comunidade, ao final de cada sesión abrirase un espazo de debate e resolución de dúbidas dos asistentes. 

Cómpre lembrar que Galicia conta xa con 285 concellos adheridos a esta iniciativa, dos que o 87 % xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023