A Xunta e Feafes colaboran na orientación e inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as dependencias da Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental (Feafes) en Santiago de Compostela

Puxo en valor a colaboración permanente da Xunta con esta entidade para brindar máis e mellores oportunidades laborais ás persoas con problemas de saúde mental a través de servizos específicos de orientación e de programas integrados de emprego

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a sede da Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (Feafes), entidade coa que a Xunta de Galicia colabora na orientación e prospección -a través das oficinas de emprego e de programas laborais- a persoas con diagnóstico de saúde mental para mellorar as súas oportunidades e inserción no mercado de traballo.

Feafes está a atender preto de 1.000 persoas con problemas de saúde mental en toda Galicia grazas ao servizo de orientación a demandantes de emprego que Feafes dispensa desde o ano 2002 como centro colaborador do servizo galego de emprego. Neste recurso, atendido por 11 profesionais, deséñanse itinerarios laborais personalizados e dispénsase acompañamento, accións grupais, apoio á mobilidade laboral e formación en competencias e capacitación.

Tal e como destacou Lorenzana durante a visita, Feafes representa un colectivo cada día máis relevante e visible, que ten na súa inserción laboral unha das principais barreiras para a inclusión social.

A Federación é unha das cinco entidades beneficiarias do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI Galicia) para a realización de programas integrados para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade de Galicia dentro das políticas activas de emprego previstas na comunidade autónoma no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Este convenio que remata o 30 de decembro de 2023 está dotado con máis de 5,5 millóns de euros para o período 2022-2023 (1,1M€ para Feafes) e pretende beneficiar máis de 1.300 persoas unha vez rematado.

A titular de Promoción do Emprego puxo en valor a reedición este ano do Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social que, con máis de 44 millóns de euros de orzamento, inclúe oito liñas de actuación para impulsar e fomentar a inclusión no mercado de traballo daqueles colectivos con maiores dificultades para o seu acceso.  Tamén a nova Lei de Igualdade de Galicia, cuxo proxecto se acaba de aprobar, dixo,  incorporou o concepto de sustentabilidade social empresarial, fundamental para que “as empresas incorporen equipos diversos en capacidades, en xéneros, en idades, que é a maneira de que sexan realmente produtivas e aproveiten todo o talento que existe na sociedade”, indicou.

A Xunta, a través de Feafes, tamén colabora na actualidade na prestación de apoios necesarios para que as persoas con enfermidade mental poidan traballar no mercado ordinario a través do programa autonómico de Emprego con Apoio. Na mesma liña estase a desenvolver en Galicia un programa de atención a mulleres con problemas de saúde mental en situación de vulnerabilidade.

A conselleira destacou o fiel compromiso que, ao igual que a Xunta, Feafes está a manter para mellorar a empregabilidade e a cualificación das persoas usuarias, con máis de  1.800 persoas atendidas pola entidade en 2022 así como e cerca de 700 que atoparon traballo ao abeiro dos seus programas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023