A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o CEIP Manuel Masdías acompañada do seu director e o xefe territorial da consellería

O CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, en Narón, e o CEIP O Marbán, en As Somozas, incorpóranse o próximo curso ao programa E-Dixgal da Xunta de Galicia

A través deste programa a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon a disposición de centros e alumnos ultraportátiles con acceso a libro e materiais dixitais cos que desenvolver o seu proxecto curricular

Un total de 55 centros educativos de Ferrol, Eume e Ortegal disporán deste recurso gratuíto a partir de setembro
 

Ferrol, 6 de xuño de 2023

Os alumnos dun total de 55 centros educativos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, estudarán o próximo curso 2023-24 con libro electrónico gratuíto, trala incorporación de dous novos centros, o CEIP Plurilingüe Virxe do Mar (Narón) e o CEIP O Marbán (As Somozas), ao programa E-Dixgal da Xunta de Galicia.

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, informou a este respecto durante unha visita realizada esta mañá ao CEIP Manuel Masdías, acompañada do xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Indalecio Cabana, e do director do colexio, Óscar González. O CEIP Manuel Masdías xa conta desde hai catro anos con este programa nos cursos de 5º e 6º de Primaria.

No cómputo de toda a Comunidade Autónoma, serán un total de 64.200 alumnos de 630 educativos galegos os que desenvolverán a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles vai permitir acceder a contidos dixitais totalmente de balde para as familias.

A través de E-Dixgal, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon a disposición de centros e alumnos ultraportátiles con acceso a libro e materiais dixitais cos que desenvolver o seu proxecto curricular.

Tal e como avanzou Martina Aneiros, as aulas disporán dun kit dixital composto por pizarra interactiva, proxecto e equipo no posto do profesor e conexión á rede de datos do centro. Ademais cada alumno conta cun ordenador ultraportátil en réxime de préstamo para o seu uso.

A través da plataforma Entorno Virtual de Aprendizaxe, están dispoñibles para os participantes tanto contidos editoriais como o repositorio de contidos do espazo Abalar que actualmente supera os 1.674 recursos. O profesorado poderá ademais crear, seleccionar ou engadir ao entorno os seus propios materiais cos que elaborar a súa propia mochila dixital.

Estratexia de Educación Dixital 2030

O programa E-Dixgal arrancou no curso 2014-15 como un proxecto experimental para alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. No 2021-22 ampliouse á toda a etapa de Secundaria coa incorporación de 3º e 4º curso, o que permite que o alumnado poida estudar con este sistema durante seis cursos consecutivos.

Esta acción forma parte dos obxectivos prioritarios da Estratexia de Educación Dixital 2030, orientados a fomentar o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023