A Xunta convoca para xuño e xullo ós propietarios dos terreos necesarios para executar o tramo do eixe de mobilidade sostible da cidade de Ourense desde Os Remedios ata Expourense

O levantamento de actas previas terá lugar o vindeiro día 13 de xuño e a formalización das actas de ocupación será o 31 de xullo no Centro Cívico da Ponte

Habilitarase un treito de 3,5 km de senda, mellorando os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, ademais das conexións coa contorna

Optimizarase o acceso ás Burgas, conectando de modo directo os paseos do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona do pavillón Paco Paz e a Expourense

O proceso expropiatorio está a levarse a cabo en paralelo á contratación das obras, licitadas por case 3,9 millones de euros e que prevén iniciarse este mesmo verán

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Ourensea convocatoria, para este mes de  xuño e para o vindeiro mes de xullo, dos propietarios dos terreos necesarios para executar as obras do novo itinerario entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, no concello de Ourense.

O proceso expropiatorio está a levarse a cabo en paralelo á contratación das obras, que están xa licitadas e en fase de análise das 8 ofertas presentadas por empresas, e que suporán un investimento de preto de 3,9 M€. A previsión é poder iniciar os traballos este mesmo verán, co obxectivo de telos rematados a finais de 2024.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o martes 13 de xuño, das 09,30 ás 14,00 horas no Centro Cívico da Ponte, na rúa Eulogio Gómez Franqueira. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 31 de xullo, das 10,00 ás 12,00 horas, no mesmo lugar.

En concreto,  as obras do treito de senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, permitirán executar 3,5 km de itinerario, dándolle continuidade onde se interrompe actualmente, entre a praza de abastos e A Molinera.

En concreto, na intervención melloraranse os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, dando preferencia a estes usuarios e reforzando tamén a accesibilidade e as conexións coa contorna.

Executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando solución á beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana.

Ademais, para acadar unha mellor conexión entre a Ponte e a senda do Barbaña, habilitarase un paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.

Ao longo do percorrido mellorarase tamén o acceso ás Burgas, unindo de modo directo os paseos do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona deste pavillón Paco Paz e a Expourense.

Este novo itinerario forma parte do proxecto para a conformación dun eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de sendas.

Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.

Data de actualización: 06/06/2023