A Xunta anima o tecido empresarial galego a seguir innovando para responder ao cambio que supón a transición enerxética e dixital

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá na Coruña á entrega do premio Peme do ano 2023

A Coruña, 6 de xuño de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá na Coruña á entrega do premio Peme do ano 2023, na que animou ao tecido empresarial galego a seguir innovando para responder ao cambio que supón a transición enerxética e dixital.

Na súa intervención, Conde destacou a iniciativa dos premiados pola Cámara de Comercio da Coruña, tanto de ABN que recibiu o galardón de Peme do ano; como a Siotic Spain, que recibiu o accésit de internacionalización; Itelsis, na categoría de dixitalización e innovación; Gabadi, na de formación e emprego; e Gestán Contenedores no eido da sustentabilidade. “Contamos cun tecido produtivo con pemes que están respondendo aos retos da dixitalización e a sustentabilidade e seguiremos traballando con elas para acometer esta transformación”, subliñou.

O vicepresidente económico asegurou que neste contexto de cambio, o papel da Administración ten que ser acompañar as empresas para que teñan a oportunidade de mellorar en ámbitos como a I+D+i, a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a dixitalización, ou o talento e a formación.

Nesta transformación verde e dixital tamén considerou prioritario o acceso aos fondos Next Generation, non só a través de proxectos promovidos por grandes empresas tractoras, senón tamén por pequenas e medianas empresas. Así, reclamou para estas últimas as mesmas facilidades de acceso aos fondos con maiores prazos e intensidade de axudas e cunha xanela única á que poidan acudir. É dicir, convocatorias á medida do que precisa o tecido empresarial e menos burocracia.

Para seguir avanzando na busca de novas oportunidades, Galicia ten en marcha a Axenda Industrial 2025 cun orzamento que supera os 300M€ a través do traballo directo co tecido empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023