O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as axudas para a obtención ou mantemento da marca Q de calidade turística

Poderán ser persoas beneficiarias os concellos e as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos
 

As axudas contarán cun crédito total de 170.000 €, dos cales 10.000 € corresponderán á categoría 1ª (concellos) e 160.000,00 € corresponderán á categoría 2ª (entidades privadas)
 

As solicitudes presentaranse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá
 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos para a obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ten por obxecto a planificación, ordenación, promoción e fomento do turismo na Comunidade Autónoma de Galicia, e establece entre os fins que persegue a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, así como o impulso á profesionalización do sector.

O obxectivo fundamental desta resolución é impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias, para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española que considera o prestixio, a fiabilidade, a rigorosidade e a profesionalidade dos establecementos avaliados. Todo isto, para lles asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible. Deste xeito, a Axencia de Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e o desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade, dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións os concellos e as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos, que deberán ter inscrita a actividade turística para a que se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

As subvencións contarán cun crédito total de 170.000 €, dos cales 10.000€ corresponderán á categoría 1ª (concellos) e 160.000,00 € corresponderán á categoría 2ª (entidades privadas). As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023