A Xunta propón a implicación de influencers na difusión do “sentidiño”

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, amousou o 112 Galicia a persoeiros dos eidos da comunicación e a cultura

Con esta actividade afóndase na divulgación e capacitación da sociedade galega para unha resposta forte e responsable en caso de emerxencia
 

A Estrada (Pontevedra), 5 de xuño de 2023

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) Galicia da Estrada acolleu esta mañá un encontro con distintas personalidades do eido do entretemento e a comunicación. O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo acompañou os asistentes na xornada destinada á difusión do sentidiño na comunicación da prevención e a atención ás emerxencias.

Como sinal de identidade dos perfís de redes sociais do 112 Galicia, o cancelo #sentidiño leva anos acompañando os seus consellos de autoprotección, que abranguen gran parte dos aspectos da vida cotiá da cidadanía galega. Esta xornada configurouse con vistas a amplificar o alcance de dito material entre os diferentes sectores da poboación.

Os participantes pertencen a campos que chegan a públicos diversos, entre eles a xente máis nova, coa que moitas veces é máis complicado interactuar desde as institucións: o da comunicación sobre emerxencias, con Eloy TP, Silcerino e Alberto Sxenick, personalidades de Twitter cun importante alcance, ou o do entretemento, coa tiktoker María Foscaldo (Meryfos, tamén coñecida como A Repunante).

Entre os principais obxectivos da visita estivo a busca de puntos comúns na comunicación, sempre coa finalidade de explotar ao máximo o potencial das redes sociais como espazo de concienciación. De feito, os asistentes puideron conversar co vicepresidente segundo neste sentido e mostróuselles o traballo informativo levado a cabo na web, Twitter e Facebook do CIAE-112 Galicia.

A xornada incluíu un percorrido polas diferentes salas e departamentos do centro para coñecer máis en profundidade a xestión das chamadas de emerxencia e o bo uso do número único de atención ás emerxencias 1-1-2. Finalmente, tiveron a oportunidade de observar os diversos materiais e recursos de que dispón o Grupo de Apoio Loxístico e de Intervención (GALI) da AXEGA.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2023