Arrancan as catas de viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia que organiza a Xunta cos Consellos Reguladores

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria estivo presente na primeira xornada de catas que hoxe comezou coas augardentes e licores tradicionais

Nas catas que se prolongarán ata este venres, 9 de xuño, participarán un total de 428 mostras de 182 empresas de toda Galicia
 

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023

  O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, estivo esta mañá presente no inicio das catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia que se celebran no Pazo de Quián en Sergude (Boqueixón). Neste evento participan máis dunha vintena de expertos catadores e un total de 428 mostras de 182 empresas de toda Galicia. As xornadas de catas organizadas pola Xunta e os diferentes consellos reguladores prolongaranse ata este venres, 9 de xuño.

Na xornada de hoxe foi a quenda das augardentes e os licores tradicionais de Galicia, nas que participaron un total de 44 mostras das distintas indicacións xeográficas pertencentes a 16 empresas, das cales 14 correspóndense coa augardente de Galicia, cinco coa augardente envellecida, outras cinco de augardente de herbas, 12 de licor de herbas e 8 de licor café.

Mañá comezarán as Catas de viños, para as que que a Consellería do Medio Rural recolleu 384 mostras procedentes de máis de 166 adegas pertencentes ás cinco denominacións de orixe e a catro indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas de Galicia. Neste caso, a presenza do viño branco é maior con 264 mostras, mentres que de tinto participan en concurso 120.

As catas rematarán 9 de xuño, no que terán lugar as fases finais para seleccionar os mellores viños de Galicia. Haberá unha final por cada denominación de orixe. Así mesmo, para escoller os mellores tintos en madeira ou viños de colleitas anteriores, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2023