A Xunta remata as obras da nova senda entre A Ponte e Santa Cataliña, en Santa Comba, cun investimento de 177.000 €

Executouse un novo itinerario peonil de 450 metros de lonxitude pola marxe dereita da estrada autonómica AC-404, que une as zonas de beirarrúas previamente existentes conformando un percorrido continuo que conecta os principais equipamentos

O obxectivo é reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños nos desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar

Executouse un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros, para salvar o desnivel no terreo e soster a senda, evitando afectar o rego das Dornas

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023 A Xunta vén de rematar a execución da nova senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba, cun investimento de 177.000 euros.

Os traballos consistiron en habilitar un novo itinerario ao longo de 450 metros da estrada AC-404 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños nos desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar.

A senda executouse pola marxe dereita da estrada, entre A Ponte e Santa Cataliña, mellorando o tránsito peonil ao unir as beirarrúas previamente existentes nos treitos anterior e posterior, conformando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos.

Tamén se construíu un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocouse unha barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro.

Os traballos completáronse coa reposición da sinalización necesaria.

A intervención contou con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19, no marco das actuacións que desenvolve a Xunta para fomentar a mobilidade sostible e saudable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2023