O presidente da Xunta participou no almorzo previo á celebración do encontro solidario

Rueda salienta que o evento Estrelas solidarias no Camiño adereza con excelencia e prestixio os éxitos da marca Galicia

Asegura que a presenza de recoñecidos chefs que acoden á convocatoria dos irmáns Rial potencia a oferta turística da comunidade
 

Augura un “magnífico ano” en turismo para Galicia, que está a vivir tempos récord de visitantes “na procura, cada vez máis, da calidade”
 

Aplaude a organización dun encontro que este ano destinará a recadación á Asociación Galega da Síndrome X Fráxil, entidade que celebra o seu 25 aniversario
 

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta que o evento Estrelas solidarias no Camiño adereza coa “excelencia e prestixio” os éxitos da marca Galicia. O titular do Goberno galego participou esta mañá nun almorzo en Santiago de Compostela previo á celebración do encontro solidario que terá lugar na Finca Casa Barqueiro, en Negreira.

Nesta nova edición do encontro solidario participan 33 recoñecidos cociñeiros que suman 73 estrelas Michelin e que reunirán fisicamente a 300 persoas na cea solidaria que se celebra esta tarde na Finca Casa Barqueiro de Negreira, na que tamén haberá exposicións e degustacións de produtos galegos, coa colaboración de Turismo de Galicia e do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Alfonso Rueda agradeceu aos organizadores e participantes a súa aposta por Galicia, xa que considerou que o turismo gastronómico de calidade potencia a oferta turística da comunidade. “Sodes aliados fundamentais”, aseguroulles.
 
Precisamente, o mandatario galego augurou que existen “motivos para pensar” que o 2023 “pode ser un magnífico ano” en materia turística, xa que Galicia está a vivir tempos récords de visitantes na “procura, cada vez máis, da calidade”.
 
O presidente da Xunta aplaudiu a organización dun encontro que este ano destinará a recadación á Asociación Galega da Síndrome X Fráxil, entidade que celebra o seu 25 aniversario. Galicia é pioneira no tratamento desta enfermidade rara de carácter hereditario a través da Fundación Pública Galega de Medicamento Xenómica, dependente do Sergas e situada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
 
Neste senso, valorou actos solidarios como Estrelas solidarias no Camiño para darlle visibilidade a este tipo de enfermidades, á vez que amosou o apoio do Goberno galego na atención e no coidado da persoas con doenzas raras e tamén ás súas familias. “É a nosa obriga botar unha man”, defendeu. 

Estrelas Michelin reunidas por unha causa solidaria

O evento anual Estrelas no Camiño de Santiago é unha iniciativa que impulsa Casa Barqueiro, de Negreira, desde o ano 2014, aínda que sería a partir de 2019 cando adquire ese carácter solidario e pasa a empregar o nome de Estrelas solidarias no Camiño.

Os organizadores escollen cada ano unha entidade sen ánimo de lucro á que facer o donativo do recadado nunha cea solidaria na que participan recoñecidos nomes da gastronomía que suman un importante número de Estrelas Michelin. Entre eles, participan este ano chefs galegos como Pepe Vieira, Javier Olleros, Marcelo Tejedor, Lucía Freitas, Pepe Solla ou Yayo Daporta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2023