A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o centro de día municipal de Sanxenxo

Fabiola García destaca que as axudas para respiro familiar incorporan por primeira vez os centros de día

Este programa permite ofrecer apoio e descanso aos coidadores habituais e ofrece axudas de entre 1000 e 1500 euros

Sanxenxo (Pontevedra), 5 de xuño de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de día municipal de Sanxenxo acompañada do alcalde en funcións, Telmo Martín. Durante a visita destacou que as axudas do programa de respiro familiar da Xunta incorporan por primeira vez a atención nestes centros.

A conselleira lembrou que a orde deste ano, cuxo prazo permanece aberto ata o 30 de outubro, incorpora como novidade a atención nestes centros. Estas axudas están destinadas a ofrecer apoio e descanso aos coidadores habituais mediante o uso dun destes servizos temporais. Así, as contías oscilan entre os 1000 e os 1500 euros para atención residencial, coidador no fogar e centro de día.

Fabiola García puxo en valor os centros de atención diúrna como un servizo que permite garantir o benestar e o coidado das persoas maiores ao tempo que seguen vivindo nas súas casas e lugares de sempre. Neste sentido, apostou por seguir ampliando a carteira de servizos para darlle a posibilidade de decidir onde e como pasar esta etapa das súas vidas.

Acondicionar parte exterior

Pola súa parte, o alcalde en funcións trasladoulle á conselleira a súa intención de acondicionar a parte exterior do centro de día para poder desenvolver actividades para maiores. Deste xeito, poderá gañar espazo para seguir ofrecendo unha atención da máis alta calidade aos seus usuarios.

Fabiola García participou posteriormente no minuto de silencio en repulsa do crime por violencia de xénero cometido en Oia que tivo lugar no Concello de Sanxenxo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2023