A Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde avanza na súa folla de ruta coa posta en marcha dos comités executivos

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta semana na reunión do Comité Executivo de Formación e Innovación

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2023

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta semana na posta en marcha do Comité Executivo de Formación e Innovación da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde. Este comité é o terceiro dos catro que forman a gobernanza da Alianza, pois xa comenzaron os traballos dos comités executivos de Instrumentos e Normativa por unha banda e, por outra, de Capacidades Industriais. Proximamente unirase o destinado a Proxectos tractores e infraestruturas.

 

Paula Uría destacou que o comité de Formación e Innovación pretende posicionar Galicia como referente na formación especializada na cadea de valor do hidróxeno verde e nos proxectos de innovación. Por outra banda, estableceuse a realización dun estudo e de propostas de accións de compra pública innovadora en base ás necesidades en materia de hidróxeno verde.

 

Neste terceiro comité creado no marco da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, expúxose a folla de ruta para o ano 2023 na que se contempla, a través do subgrupo de formación, a avaliación das necesidades de formación para o sector do hidróxeno e gases renovables; a planificación de cursos de especialización; o desenvolvemento de pilotos formativos; e a análise de necesidades de dotación de infraestruturas de formación e demostradores en produción, almacenamento e distribución de hidróxeno. Estableceuse, ademais, o desenvolvemento de accións como a creación dun mapa de capacidades de investigación que se unirá ao mapa de capacidades industriais neste eido.

 

O obxectivo da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, como instrumento de colaboración público-privada promovido pola Xunta de Galicia -e que está formada por 10 asociacións e clústers do sector que representan 700 empresas, centros de coñecemento, a CEG, os sindicatos, así como as autoridades portuarias da Coruña, Ferrol e Vigo e empresas tractoras como Enagás, Iberdrola, Reganosa, Navantia, Repsol ou Ence- é maximizar as posibilidades de atracción de proxectos e impulsar e consolidar un novo tecido industrial, vinculado a este vector enerxético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2023