A Xunta apoia a creación contemporánea coa convocatoria de catro axudas de 8.000 euros para artistas que desenvolvan proxectos no Gaiás

Poderán participar na convocatoria de residencias na Cidade da Cultura propostas vinculadas ás artes visuais, escénicas, musicais e ao deseño

Serán seleccionados como máximo catro proxectos, un por categoría, que realizarán estadías de entre tres semanas e mes e medio

O prazo de presentación das candidaturas está aberto ata o 3 de xullo

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia vén de lanzar a segunda edición das axudas ao desenvolvemento de proxectos de creación contemporánea no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás. Cada persoa beneficiaria recibirá unha achega económica de 8.000 euros e realizará unha estancia de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura, nos meses de setembro a novembro de 2023.

As axudas REGA están dirixidas a creadores con propostas de vangarda ligadas ás artes visuais, escénicas, musicais e de deseño, e valorarase de maneira especial a súa conexión con outras disciplinas, atendendo ao carácter híbrido da cultura actual. Un tribunal de valoración, integrado por persoal da Fundación Cidade da Cultura e persoas de recoñecida competencia do sector cultural, seleccionará un máximo de catro proxectos, un por cada categoría.

Durante a súa residencia, a Fundación Cidade da Cultura ofrecerá a cada unha das persoas beneficiarias un espazo de traballo, recursos humanos propios de seguimento técnico do proxecto e o acompañamento dunha persoa mentora especialista en cada unha das áreas da convocatoria. O resultado poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta, e darase a coñecer de maneira pública unha vez rematada a súa estadía no Gaiás.

As candidaturas poden presentarse ata o vindeiro 3 de xullo, preferentemente de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As bases poden consultarse na súa totalidade no Diario Oficial de Galicia.

Un viveiro para a creación contemporánea

As axudas REGA 2023 e o programa de residencias artísticas encádrase no papel da Cidade da Cultura como viveiro para a creación contemporánea e afianza unha nova liña de traballo para impulsar o talento creativo en liña cos obxectivos do seu II Plan Estratéxico e cos eixos de actuación do Plan Xeración Cultura aprobado para este ano 2023.

O programa REGA defínese polo seu carácter diverso e integrador, ao dar cabida a propostas de vangarda que transitan as linguaxes da danza, as artes vivas, as escénicas, a música, a literatura, as artes visuais e as artes plásticas.

A colaboración con entidades galegas que traballan no ámbito da cultura, pero tamén como con organizacións e artistas de América Latina e da lusofonía, é outra das marcas de identidade desta iniciativa, coa que a Fundación Cidade da Cultura estreita vínculos con asociacións e institucións como a Compañía Nacional de Teatro de México, o Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai, o Centro Dramático Galego, o colectivo RPM, a asociación cultural AÏS ou o Festival RESIS de Música Contemporánea, entre outras.

A través deste programa, a Cidade da Cultura ofrece catro recursos fundamentais para a creación: tempo, espazos, equipos técnicos e unha ampla rede de alianzas que enriquecen a propia experiencia das persoas residentes e que posibilitan tamén ampliar o impacto do seu resultados máis aló do Gaiás.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2023