A Xunta adxudica as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais de Gondomar

Os traballos, adxudicados por 40.000 €, inclúen a redacción do proxecto, dirección de obra e unha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo

O obxectivo é garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión das instalacións e acadar unha importante redución de emisións de CO₂

Esta actuación nas instalacións de Gondomar forman parte das intervencións para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais que xestiona Augas de Galicia

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais de Gondomar.

 

Esta intervención, adxudicada á empresa Efigalia Energy, S.L. por 40.000 euros, comprende a redacción do proxecto técnico, dirección de obra, tramitación administrativa e execución dunha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo, nos terreos asociados á depuradora municipal, que xestiona a entidade hidráulica da Xunta.

 

A través deste contrato a Xunta busca garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión da estación depuradora, ao tempo que acadar unha importante redución de emisións de CO₂ equivalente.

 

Estas intervencións contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 e do proxecto Aqualitrans II 1 E.

 

As obras nas instalacións de Gondomar súmanse ás que tamén se realizarán nas depuradoras dos concellos de Tomiño, Vilaboa e Nigrán; no concello lucense de Alfoz; e no municipio coruñés de Ortigueira, xa adxudicadas, e que forman parte das actuacións que impulsa a Xunta para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais xestionadas por Augas de Galicia.  

Data de actualización: 04/06/2023