A Xunta adxudica por 1,9 M€ as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas na provincia de Lugo

As actuacións comezarán a finais de xuño ou comezos de xullo e desenvolveranse ao longo de 6 meses que teñen de prazo para a súa execución

Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas LU-231, LU-232 e LU-115, nos municipios de Lugo, Friol, Palas de Rei, Castro de Rei e Outeiro de Rei

Os traballos inclúen fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 1,9 M€ as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas da provincia de Lugo.

As actuacións, adxudicadas á empresa Grupo Bascuas 2008 S.L., comezarán a finais de xuño ou comezos de xullo e desenvolveranse ao longo de 6 meses que teñen de prazo para a súa execución.

Rehabilitarase o firme en varios treitos das estradas LU-115, que conecta Outeiro de Rei con Castro de Rei; a LU-231, entre Friol e Palas de Rei; e a LU-232 entre Friol e Lugo.

Realizaranse fresados localizados nos treitos de actuación e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

Data de actualización: 02/06/2023