A Xunta adxudica por 2,3 M€ as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas na área da Coruña

Os traballos comezarán na primeira quincena do mes de xullo e teñen un prazo de execución de 6 meses

Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas AC-231, AC-400 e AC-552, que discorren polos concellos de Curtis, Sobrado, Aranga, Cambre, Culleredo, Cerceda, A Coruña, Arteixo, A Laracha e Carballo

Os traballos consistirán en realizar fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 2,3 M€ as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas na área da Coruña.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Leonordo Miguélez S.L., comezarán na primeira quincena de xullo, cun prazo de execución de 6 meses.

O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas autonómicas AC-231, AC-400 e AC-552, que discorren polos concellos de Curtis, Sobrado, Aranga, Cambre, Culleredo, Cerceda, A Coruña, Arteixo, A Laracha e Carballo.

Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.

As intervencións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

Data de actualización: 02/06/2023