A Xunta remata as actuacións de illamento acústico na zona de decantación da depuradora dos Praceres

Os traballos, cun investimento de 36.000 €, consistiron na implantación de medidas para evitar novos focos de ruído na contorna das instalacións hidráulicas

Instalouse unha pantalla acústica e dispúxose unha cabina de insonorización na zona de decantación
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar as actuacións de illamento acústico dos equipos na zona de decantación da estación depuradora de augas residuais dos Praceres para minimizar as afeccións na contorna.

 

Os traballos, cun investimento autonómico de 35.968 euros, consistiron na implantación de medidas secundarias para, de xeito preventivo, evitar novos focos de ruído na contorna das instalacións hidráulicas.

 

De xeito máis concreto, as obras teñen como obxectivo reducir de xeito específico os posibles focos de ruído situados na etapa de decantación, na zona de recirculación e dosificación de area dos decantadores e nos tanques “actiflo”.

 

Para isto, instalouse unha pantalla acústica metálica de 80 mm de espesor, formada por paneis de 1000 mm de altura, instalada sobre estrutura metálica. As dimensións totais acadan os 6x3 metros.

 

Ademais dispúxose unha cabina de insonorización para elemento en intemperie, de dimensións 1,5 x 1,5 x 1,5 metros, con apertura na dirección oposta á das vivendas máis próximas.

Data de actualización: 02/06/2023