A Xunta completa os primeiros 300 metros de tubaxe do colector da marxe esquerda do Pontiñas, no marco das obras de mellora do saneamento de Lalín

Unha vez acometidos os traballos previos de implantación e replanteo, acométese a execución do colector interceptor da marxe esquerda do río

A Xunta tamén traballa na organización das tarefas necesarias para iniciar a construción do tanque de tormentas, que se prevé para finais de xullo

O obxectivo desta intervención, cun investimento autonómico de 6,7 M€, é aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e executar un tanque de tormentas que mellore o funcionamento en tempo de chuvias e evitar vertidos

Construiranse 4 treitos de colectores: 2 nas marxes do río; outro que recollerá as augas residuais da zona sur; e un que trasladará as augas da rede de saneamento de Donramiro

Tamén se executará un tanque de tormentas, cun sistema de desodorización innovador, que se baleirará por gravidade e limitará o caudal de entrada na depuradora

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023 A Xunta avanza nas obras de mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín, ao completar a disposición dos primeiros 300 metros de tubaxe do colector da marxe esquerda do río Pontiñas. 

Unha vez acometidos os traballos previos de preparación de acceso, replanteos topográficos, valado da zona de obra ou instalación de casetas, xa está en plena execución do colector interceptor da marxe esquerda do río Pontiñas. 

De xeito paralelo, tamén se está traballando na organización das tarefas necesarias para iniciar a construción do tanque de tormentas, que se prevé para finais de xullo. 

Estes traballos forman parte dunha intervención cun investimento autonómico de máis de 6,7 M€ e cuxo obxectivo é aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e executar un tanque de tormentas que mellore o funcionamento en tempo de chuvias. 

As actuacións, máis en detalle, consisten na construción de 4 treitos principais de colectores: dous nas marxes do río; outro que recollerá as augas residuais da zona sur cara ao tanque de tormentas; e un que trasladará as augas da rede de saneamento de Donramiro. 

O proxecto inclúe a execución dun tanque de tormentas, cun sistema de desodorización innovador, que se baleirará por gravidade e limitará o caudal de entrada na depuradora.

Ademais levaranse a cabo accións de integración paisaxística na contorna do tanque de tormentas, coa plantación de árbores autóctonas e un parque infantil, con elementos de xogo que lembrarán o prato do cocido, un símbolo deste concello.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2023