A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde en funcións, José Muíño, o convenio para impulsar as actuacións destinadas a blindar o subministro de auga a unha poboación total futura de preto de 2.000 persoas

A Xunta e o Concello de Cabana de Bergantiños colaboran achegando máis de 1,3 M€ para dotar de abastecemento os núcleos de Nantón e Anos e garantir o subministro ao municipio

O Goberno galego achegará o 90% do orzamento, máis de 1,22 millóns de euros e executará as obras, que o Concello cofinanciará con máis de 136.000 euros, o 10% restante, ademais de poñer os terreos á disposición

A Xunta prevé licitar as obras no último trimestre do ano para iniciar os traballos a comezos de 2024, cun prazo de execución de 12 meses

O obxectivo é dotar de abastecemento a Nantón e Anos, cunha poboación de 1.500 habitantes e cunha demanda futura importante, xa que está previsto nesa zona o parque industrial da Costa da Morte

Executaranse unha nova captación de auga no río Anllóns, unha potabilizadora e intervencións para completar os traballos que blinden o subministro na zona

A potabilizadora incluirá pretratamento de auga bruta e mestura de reactivos, flocuación, decantación, filtración e tratamento de desinfección ultravioleta

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023
 
A Xunta e o Concello de Cabana de Bergantiños colaboran achegando máis de 1,3 millóns de euros para dotar de abastecemento os núcleos de Nantón e Anos e garantir o subministro ao municipio e ao futuro parque industrial.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde en funcións, José Muíño, o convenio para impulsar as actuacións necesarias para garantir o subministro a unha poboación total futura de preto de 2.000 persoas.

No que se refire aos compromisos establecidos, a Xunta achegará o 90% do investimento, algo máis de 1,22 millóns de euros e executará as obras; e o Concello destinará ás actuacións algo máis de 136.000 euros, o 10% restante, e disporá os terreos.

A Xunta seguirá cos trámites correspondentes para a licitación das obras, prevista no último trimestre do ano, co obxectivo de iniciar os traballos no 1º trimestre de 2024, cun prazo de execución de 12 meses.

Actuacións

O obxectivo das actuacións é dotar de abastecemento a Nantón e Anos, cunha poboación de 1.500 habitantes e cunha demanda futura importante, xa que está previsto que nesa zona se asente o futuro parque industrial da Costa da Morte.

Na actualidade, o abastecemento resólvese de forma individualizada, con pozos particulares ou captacións en mananciais que, non garanten auga en cantidade suficiente nin coa debida calidade.

Para garantir un axeitado abastecemento, prevense unha nova captación de auga no río Anllóns, a execución dunha potabilizadora e intervencións para completar os traballos que blinden o subministro a estas 2 poboacións e á zona de implantación do polígono.

Os primeiros traballos centraranse na limpeza e comprobación de tubaxes de impulsión e de distribución que xa hai, na reparación dos elementos que poidan estar danados e na impermeabilización dos muros do depósito existente e a execución da cuberta.

Logo executaranse a captación no Anllóns mediante toma directa a un pozo de bombeo situado a 10 metros da canle do río, coa instalación de dúas bombas verticais mergulladas para impulsar un caudal de 100 m³/h.

Tamén se acometerá o edificio da estación de tratamento de auga potable que se situará anexo ao depósito existente e disporá de preto de 600 m², con sala de control e sala de reactivos. A potabilizadora incluirá pretratamento de auga bruta e mestura de reactivos, flocuación, decantación, filtración e tratamento de desinfección ultravioleta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2023