A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático interveu hoxe na xornada 5 anos de acción contra os residuos mariños organizada por Coca-Cola

A Xunta aposta pola concienciación como a mellor política preventiva fronte ao lixo mariño

Sagrario Pérez subliña a importancia de iniciativas de sensibilización como Mares circulares para axitar conciencias e animar á sociedade a actuar de forma individual

Salienta que a Estratexia galega de economía circular foi pioneira a nivel nacional e europeo e que a Alianza polo clima reflicte a aposta do Goberno autonómico pola “imprescindible e ineludible” cooperación público-privada fronte ao cambio climático

Baiona (Pontevedra), 1 de xuño de 2023

A Xunta de Galicia apostou hoxe pola educación ambiental e a concienciación da sociedade como unha das mellores e máis efectivas vías para previr a presenza de lixo en mares e océanos e combater deste xeito a propia raíz do problema.

Así o defendeu a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, durante a súa intervención na xornada 5 anos de acción contra os residuos mariños, celebrada en Baiona para conmemorar o quinto aniversario do proxecto Mares circulares impulsado por Coca-Cola para limpar os espazos acuáticos de todo o país e concienciar á vez sobre reciclaxe e economía circular.

Tras lembrar que o 80% dos residuos mariños proceden de actividades que se desenvolven na terra, a directora xeral avogou por plans e medidas que incidan na caracterización dos residuos presentes en mares e océanos pero sen esquecer que “a mellor actuación fronte ao lixo mariño” debe ir encamiñada “a impedir que se produza”.

Neste sentido, incidiu, por un lado, na importancia do fomento da recollida separada de residuos para conseguir recuperar materiais de calidade que sirvan para a elaboración de novos produtos e a súa reintrodución no mercado, en liña cos obxectivos da economía circular; e polo outro, na concienciación e sensibilización dos cidadáns para contribuír de forma individual á implantación de boas prácticas en materia de residuos, apostando por políticas “incentivadoras” en lugar de por medidas sancionadoras.

Na mesma liña, Sagrario Pérez subliñou que iniciativas de sensibilización como Mares circulares cumpren un papel clave á hora de axitar conciencias e animar á sociedade a actuar responsablemente como individuos a través da busca de “embaixadores” para as súas accións de voluntariado que amosen ao resto do mundo as consecuencias de adoptar unha postura de inacción.

Por último, tamén salientou que a Estratexia galega de economía circular aprobada en 2019 converteu a Galicia en “pioneira a nivel nacional e europeo” á hora de dotarse dun instrumento que facilite a transición dun modelo lineal, baseado en usar e tirar, a outro circular, no que se busca darlle unha segunda vida aos materiais tras o seu uso.

De igual xeito, a directora xeral referiuse ao impulso da Alianza galega polo clima, unha iniciativa posta en marcha hai un ano e que reflicte a aposta da Xunta pola “imprescindible e ineludible” cooperación público-privada fronte ao cambio climático e os grandes retos medioambientais, unha unión para buscar espazos de colaboración construtivos con organismos e empresas como Coca-Cola, un exemplo, dixo, de compromiso coa reciclaxe, a recollida selectiva dos residuos e a sensibilización social.

Cómpre indicar que no marco da xornada 5 anos de acción contra os residuos mariños, mañá tamén está prevista unha visita guiada ás illas Cíes a cargo do equipo de uso público do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que lles dará aos participantes unha charla sobre os principais valores naturais do arquipélago.

Data de actualización: 01/06/2023