O presidente da Xunta reuniuse co representante diplomático da República cubana en España, Marcelino Medina

Rueda recibe o embaixador de Cuba para afondar nas históricas relacións de irmandade entre Galicia e o país caribeño

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu o embaixador de Cuba, Marcelino Medina, co obxectivo de afondar nas históricas relacións de irmandade entre Galicia e o país caribeño. O titular do Goberno galego reuniuse esta mañá co representante diplomático da República cubana en España, un encontro que tivo lugar nas dependencias da Presidencia en San Caetano. 

No encontro, Rueda e Medina incidiron nos lazos que unen especialmente a cubanos e galegos, territorios vencellados pola historia e a cultura. O mandatario autonómico ofreceu ao embaixador cubano o apoio do pobo galego ao país caribeño como mostra de afecto e agradecemento polo que Cuba representou para Galicia e para a galeguidade nos tempos da emigración, e pola súa tradicional acollida ao pobo galego. 

O presidente da Xunta e o máximo representante diplomático de Cuba en España abordaron no encontro asuntos de interese para o desenvolvemento económico dos dous territorios. 

No eido da cooperación, Galicia financiou nos últimos anos diferentes intervencións de desenvolvemento e de acción humanitaria en Cuba, principalmente en apoio da infancia e das persoas maiores.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023