Conde pon de relevo o papel dos ‘makers’ na transformación dixital e sustentable de Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou nas xornadas da industria da Maker Faire Galicia, que celebra na Cidade da Cultura a súa novena edición

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na Cidade da Cultura nas xornadas de industria da Maker Faire Galicia, que celebra a súa novena edición. Na súa intervención, Conde puxo de relevo o papel dos makers na transformación dixital e sustentable de Galicia, subliñando que “o futuro pasa polo talento e pola innovación, e que ese talento e esa innovación poidan impregnar todo o ecosistema que temos aquí en Galicia”.

 

Neste sentido, o vicepresidente primeiro resaltou que a celebración en Galicia da Maker Faire contribúe a motivar o talento galego, destacando a importancia da participación neste encontro de “empresas tractoras, alumnos de formación profesional e xente que xa ten a súa iniciativa e está intentando achegar solucións innovadoras”.

 

O vicepresidente primeiro da Xunta apuntou que Galicia xa está traballando para aproveitar as oportunidades da dixitalización e da economía verde, aproveitando o marco que brindan os fondos europeos Next Generation para impulsar unha axenda de proxectos industriais onde é fundamental a colaboración e o diálogo que existe entre a Administración e a iniciativa privada.

 

Conde resaltou que o eido público ten que achegar as pancas que permitan a transformación do tecido produtivo, con retos abordados na Maker Faire como a mobilidade, o hidróxeno verde, a biotecnoloxía ou a intelixencia artificial. Subliñou así mesmo que para que un territorio como Galicia dea resposta aos retos actuais “necesita o ecosistema que achegan as empresas tractoras, que precisan do coñecemento das universidades, dos centros tecnolóxicos e tamén de pequenas e medianas empresas, autónomos e makers que están nese ecosistema achegando solucións dentro das cadeas de valor dos diferentes sectores”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023