A Xunta organiza un curso para a formación de asesores no módulo de agrotecnoloxía

A iniciativa enmárcase dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, para a formación de asesores co gallo de prestar unha mellor atención á cidadanía

O curso está centrado na agrotecnoloxía relacionada coas explotacións de gando vacún de leite e de carne

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023 A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, está a impulsar o desenvolvemento de varios itinerarios formativos para asesores. Estes cursos enmárcanse no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 dentro da submedida dedicada á formación de asesores, co gallo de que presten unha mellor atención á cidadanía. 

Vén de dar comezo a impartición dun módulo de agrotecnoloxía, que chegará á súa fin o día 7 de xullo. A acción formativa enmárcase dentro dos itinerarios formativos para asesores públicos de explotacións de gando de vacún de leite e de carne. Ao longo destes días sucederanse diferentes faladoiros no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

Estas charlas están impartidas por expertos e expertas no sector e están dirixidas a persoal técnico e asesor adscrito á Consellería do Medio Rural. Céntranse nas novas tecnoloxías aplicadas ao agro, tratando temáticas como a gandaría e agricultura de precisión ou os sistemas de guiado e automatización de tractores e maquinaria agrícola.

Os relatorios estarán acompañados de talleres prácticos, onde os asistentes poderán comprobar en primeira persoa o funcionamento do aprendido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023