Desde hoxe poden solicitarse as axudas da Xunta para a adquisición de bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido para cadeiras de rodas nos máis de 100 establecementos adheridos

As persoas interesadas poderán pedir o seu bono desde as 10 horas deste 1 de xuño e ata o 15 de novembro de 2024 ou ata que se esgoten os fondos de 1,7 M€ previstos

Subvencionarase a compra de bicicletas de pedaleo asistido e as de man, híbridas ou eléctricas, mediante as que se dota unha cadeira de rodas de características análogas, en termos de mobilidade, ás dunha bicicleta eléctrica

Neste último caso, a axuda será similar á dos integrantes de familias numerosas con categoría especial, é dicir, dun 70% do custo ata un máximo de 700 €; ascendendo a axuda para as familias numerosas a 600 €; e os incentivos con carácter xeral, a 500 €

As axudas tramitaranse a través dos establecementos comerciais adheridos a este programa da Xunta para o fomento dunha mobilidade máis sostible e saudable
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2023

Desde hoxe pódense solicitar as axudas da Xunta de ata 700 euros para a compra de bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido para cadeiras de rodas nos máis de 100 establecementos que xa se adheriron a esta iniciativa.  

Esta nova convocatoria, de carácter bianual, para este ano e o vindeiro 2024, conta cun orzamento total de 1,7 M€ co obxectivo de continuar co impulso da adquisición de bicicletas eléctricas para o fomento dunha mobilidade máis sostible e saudable.  

Nesta ocasión o concepto de bicicleta eléctrica que se subvenciona engloba, tanto a compra de bicicletas de pedaleo asistido, como as de man híbridas ou eléctricas, mediante as que se dota unha cadeira de rodas de características análogas, en termos de mobilidade, ás dunha bicicleta eléctrica. 

As persoas interesas en adquirir unha bicicleta eléctrica poden solicitar o seu bono desde as 10,00 horas de hoxe e ata o vindeiro 15 de novembro de 2024, ou ata esgotar os fondos, a través dun establecemento adherido previamente ao programa, que será o encargado de tramitar a petición ante a administración autonómica. 

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva. Con carácter xeral, o importe da subvención será de ata o ao 50% do prezo da bicicleta eléctrica con pedaleo asistido, co límite máximo de 500 €. No caso de integrantes dunha familia numerosa, chegará ata o 60%, cun límite de 600 €. E o tope para quen forme parte dunha familia numerosa con categoría especial será do 70%, cunha contía máxima de 700 €.  

Igualmente, as axudas acadarán ata o 70% do importe das bicicletas de man para cadeiras de rodas, co mesmo tope de 700 euros. 

A entidade colaboradora do programa será a encargada de presentar telematicamente a solicitude de axuda, polo que a persoa interesada na adquisición de bicicletas eléctricas terá que tramitar o incentivo da Xunta a través dalgunha das entidades adheridas que figuren na listaxe que publica a web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/establecementos-ebici,que se irá actualizando conforme se sumen novas entidades.  

Nestes momentos hai xa máis de 100 establecementos adheridos.

 As ditas entidades exhibirán nos seus centros de traballo ou puntos de venda un cartel identificativo, que leva por lema: Enchúfate ao movemento EBici, con independencia da información na dita web, onde estará dispoñible unha listaxe actualizada de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

Data de actualización: 01/06/2023