A Xunta adxudica por preto de 1,7 M€ as obras da 1ª fase de mellora da rede de abastecemento municipal da Laracha

Esta intervención, cun prazo de execución de 8 meses, céntrase na ampliación da potabilizadora e na execución dun bombeo e un novo depósito de auga potable

O obxectivo destas actuacións é facer fronte á demanda de auga en época estival e dar servizo no futuro ao parque empresarial

Con esta intervención, a poboación servida no ano horizonte 2034 estímase en máis de 8.500 habitantes

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar por preto de 1,7 M€ as obras da 1ª fase de mellora da rede de abastecemento municipal da Laracha.

As actuacións, adxudicadas á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A.U., contarán cun prazo de execución de 8 meses.

O obxectivo é mellorar o abastecemento do concello de Laracha, solucionando a falta de presión de auga nalgunhas zonas e de capacidade de almacenamento para facer fronte ás demandas de auga en época estival, e dar servizo no futuro ao parque empresarial.

Para resolver estas carencias, as actuacións centraranse na ampliación da estación de tratamento de auga potable, na construción dun bombeo e dun novo depósito de auga potable, que mellore o funcionamento da rede de abastecemento do municipio.

Con esta intervención a poboación servida no ano horizonte 2034 estímase en 8.559 habitantes.

A actuación será cofinanciada a través de fondos REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á Pandemia de COVID-19.

A mellora da rede de abastecemento do municipio enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello da Laracha polo cal a administración autonómica se compromete a financiar a actuación cunha achega do 80%, ademais da contratar e executar as obras ata completar a súa finalización; e a administración local, pola súa banda, contribúe achegando o 20% restante, ademais de realizar as xestións necesarias para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das intervencións que se leven a cabo.

Data de actualización: 01/06/2023