O presidente da Xunta interveu na inauguración do XXXVII Congreso anual da Academia Europea de Dirección y Economía de la Empresa (Aedem)

Rueda salienta que o talento universitario é clave para que Galicia afronte con éxito os retos dun novo modelo económico innovador e sustentable

Garante o apoio do Goberno galego á investigación académica que, con máis de 400 M€ en axudas directas para actividades de I+D+i nas universidades públicas galegas, é a partida que máis medrou no Plan de Financiamento Universitario

Solicita aos académicos do ámbito do desenvolvemento sostible a súa colaboración no deseño da estratexia que permita a Galicia anticiparse ao futuro
 

Vigo, 31 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que o talento universitario é clave para que Galicia afronte con éxito os retos dun novo modelo económico innovador e sustentable. O titular do Goberno galego asegurouno na súa intervención na inauguración do XXXVII Congreso anual da Academia Europea de Dirección y Economía de la Empresa (Aedem) que tivo lugar en Vigo. 

O mandatario autonómico destacou na súa intervención que Galicia aspira a liderar os retos que se lle presentan da man dunha transición enerxética xusta, xa que conta cos recursos naturais e a tecnoloxía axeitada para desenvolver proxectos innovadores, sólidos e sustentables. Alfonso Rueda incidiu, ademais, en que o Goberno galego está a poñer os medios para que a iniciativa privada aposte por Galicia por ser unha Comunidade atractiva para emprender e investir: “A colaboración público-privada é fundamental”, afirmou.  

O presidente da Xunta referiuse á creación da Sociedade Impulsa Galicia, “coa que se están deseñando e descubrindo proxectos que xeren economía no territorio”, e ás medidas que puxo en marcha o Goberno galego para facilitar e axilizar os prazos de tramitación. Rueda destacou tamén a Lei de recursos naturais e a creación dunha sociedade mixta para que os proxectos que se desenvolvan en Galicia sexan de interese para Galicia e teñan un impacto directo positivo no territorio e na cidadanía. 

Na inauguración do congreso de Aedem, o titular do Goberno galego subliñou que a consecución destes obxectivos precisaba da implicación da investigación académica, tendo en conta que o talento universitario é clave para o desenvolvemento de proxectos con impacto na economía galega e na súa sociedade. Por iso, garantiu o apoio do Goberno galego á investigación académica, que con máis de 400 millóns de euros en axudas directas para actividades de I+D+i nas universidades públicas galegas, é a partida que máis medrou no Plan de Financiamento Universitario 2022-2026. 

Alfonso Rueda solicitou aos académicos do ámbito do desenvolvemento sostible a súa colaboración no deseño da estratexia que permita a Galicia anticiparse ao futuro, desenvolvendo e aplicando modelos de negocio e proxectos de investigación relacionados coa sustentabilidade e adaptando o sector empresarial galego aos novos retos.  

O mandatario autonómico salientou que en Galicia as universidades representan o maior ecosistema de investigación e transferencia e que a súa colaboración é imprescindible para transformar as incertezas da transición enerxética en retos de futuro, oportunidades de negocio e realidades en beneficio da sociedade galega.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023