Lete destaca a preeminencia e o carácter pioneiro do Rallye de Ourense que encabeza as dez probas galegas nos calendarios nacionais de automobilismo

O secretario xeral para o Deporte participou na presentación da 56ª edición que este ano pasará polos concellos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Amoeiro, Maside, Irixo, Boborás, Barbadás, A Merca, Celanova , Cartelle, Toén e, por suposto, Ourense do 16 ao 17 de xuño

Ourense, 31 de maio de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da 56ª edición do Rallye de Ourense que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de xuño de 2023 na provincia ourensá e percorrerá os concellos de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Amoeiro, Maside, Irixo, Boborás, Barbadás, A Merca, Celanova , Cartelle, Toén e, por suposto, Ourense.

Lete Lasa destacou a preeminencia e o carácter pioneiro do Rallye de Ourense como a única proba galega que conforma o calendario nacional do Supercampionato de España de Rallyes de Asfalto e que encabeza o total de dez probas galegas nos distintos campionatos de España: ademais do Rallye de Ourense no Supercampionato; o Rías Baixas, o Rali do Cocido e o Cidade de Narón na Copa de España de Rallyes de Asfalto; a Subida a Valdeorras e a Subida a Chantada no Campionato de España de Montaña; o Rally da Auga na Copa de España de Rallyes de Terra; o Rally Rías Altas no Campionato de España de Rallyes de Vehículos Históricos; o Eco Rally Coruña no Campionato de España ECO-Rallyes de Enerxías Alternativas; así como o Autocross de Arteixo no Campionato de España de Autocross.

Da nova edición do rally, o mandatario galego subliñou o dobre tramo urbano que percorrerá de novo o centro da cidade de Ourense, como un dos maiores atractivos do rally; así como tamén o 35% dos tramos cronometrados, o que fala da intensidade da proba ou o 60% de pilotos galegos, o que deixa constancia tamén do gran nivel dos nosos deportistas.

Por último, Lete Lasa quixo recordar o gran traballo dos presidentes da Escudaría Ourense que ao longo dos anos mantiveron con grande éxito o Rallye de Ourense como unha das probas máis importantes do automobilismo galego. Neste sentido, quixo lembrar a todos os ex presidentes da entidade como o primeiro e pai de automobilismo galego, Estanislao Reverter, así como Antonio Fraga ou Julio Bouzo, recoñecidos coa Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia, que completan unha longa lista na que tamén resaltan os nomes de Gonzalo Belay, Antonio Colemán, Adolfo Rodríguez e Antonio Javier Fernández, ata chegar a Jano Fraga, actual presidente.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023